Skip to main content

O futuro do medio rural no noroeste, a debate na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría nun ciclo da SEIAF

Cartaz das xornadas sobre o medio rural no noroeste peninsular
Cartaz das xornadas sobre o medio rural no noroeste peninsular
As xornadas, promovidas pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais están estruturadas en sete relatorios que se desenvolverán no Campus de Lugo os días 19, 21, 26 e 29 de setembro e 3, 13 e 20 de outubro. As persoas interesadas poden formalizar xa a súa inscrición en liña
Lugo

O futuro do medio rural no noroeste peninsular centra a temática do ciclo de conferencias promovido pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (SEIAF) que se desenvolverá na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC do 19 de setembro ao 20 de outubro.

Os diferentes relatorios programados ao abeiro deste ciclo celebraranse en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, os días 19, 21, 26 e 29 de setembro e 3, 13 e 20 de outubro no salón de actos do centro universitario lugués, o escenario no que diversos relatores e especialistas tratarán temáticas de interese para os sectores produtivos.

Os efectos que provoca a presenza do lobo para as ganderías, as políticas agrarias e demográficas contra o despoboamento, a alimentación nas ganderías bovinas do futuro, o cometido prevención de incendios que desenvolve a gandería extensiva, o futuro sobre o uso de fertilizantes e fitosanitarios, a xestión forestal e a prevención de incendios ou o futuro da industria forestal constitúen os eixes temáticos sobre os que versan as distintas sesións incluídas nestas xornadas.

As persoas interesadas en participar como asistente nestas xornadas formativas e de divulgación sobre algunhas das problemáticas que afectan ao medio rural no noroeste peninsular deben formalizar a súa inscrición previa a través do formulario xa habilitado en liña.

As sete palestras de debate programadas están estruturadas nun total de 28 horas. As persoas asistentes recibirán o seu correspondente diploma acreditativo expedido pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (SEIAF). Tamén se pode solicitar máis información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico secretaria.cursos.seiaf [at] gmail.com (secretaria[dot]cursos[dot]seiaf[at]gmail[dot]com)

 

The contents of this page were updated on 09.07.2022.