Skip to main content

A Aula de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría ofrece este mes cursos sobre cálculo con Python, CAD 3D e Arduino

Programación de cursos da Aula de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría
Programación de cursos da Aula de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría
O programa complementario de capacitación continuará en outubro con tres módulos sobre deseño e fabricación de sistemas mecánicos e placas de circuíto impreso PCBs, ademais dun curso de cogomelos comestibles e velenosos en Galicia. A inscrición é gratuíta e xa se pode formalizar en liña
Lugo

A Aula de Formación Aberta da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC busca ampliar as competencias do seu estudantado e PDI, ademais de calquera persoa interesada, a través da oferta de seis cursos presenciais e gratuítos de temática específica que comezarán a desenvolverse nos meses de setembro e outubro e para os que as persoas interesadas xa poden formalizar a súa matrícula en liña a través da seguinte ligazón.

A programación incluída na Aula de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría, que conta con financiamento da Vicerreitoría de Organización Académica e da Deputación de Provincial de Lugo, botará a andar o próximo martes 13 de setembro co curso ‘Cálculo científico técnico con Python’, que está estruturado en 30 horas. As sesións formativas celebraranse en quenda de tarde, de 16.30 a 19.30 horas, os días 15, 20, 22, 27 e 29 de setembro, e 4, 6, 11 e 13 de outubro.

O curso ‘Deseño CAD 3D con Fusión 360’, dirixido especialmente a alumnado e PDI con coñecementos en Expresión Gráfica, comeza as súas sesións formativas o mércores 14 de setembro. A formación impartida no marco deste programa, cuxas clases terán continuidade os días 16, 19 e 23 de setembro, en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. A programa da Aula de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría pecha as actividades organizadas para o mes de setembro cun módulo de introdución a Arduino, un módulo pensado para o público interesado na electrónica e cuxas clases presenciais se desenvolverán os días 21 e 28 de setembro, e 19 e 26 de outubro, en quenda de 16.00 a 20 horas.

Outubro

O programa complementario de capacitación organizado ao abeiro da Aula de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría continuará en outubro con tres novos módulos sobre deseño e fabricación de sistemas mecánicos e placas de circuíto impreso PCBs, ademais dun curso de cogomelos comestibles e velenosos en Galicia.

O programa ‘Deseño e fabricación de placas de circuíto impreso (PCBs), dirixido especialmente a estudantes e PDI do Grao en Robótica, comeza o 3 de outubro, e terá continuidade, en quenda de tarde, de 18.00 a 21.00 horas, os días 7, 10, 14 e 17. O módulo ‘Deseño e fabricación de sistemas mecánicos’, unha proposta aberta ao público con espírito ‘maker’, celebrarase os días 18, 20, 25 e 27 de outubro, 3 e 8 de novembro. As sesións formativas serán en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas.

O programa ‘Cogomelos comestibles e velenosos en Galicia’, unha proposta coordinada polo catedrático Antonio Rigueiro e organizada en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus, terá lugar do 24 ao 28 de outubro, en quenda de 19.00 a 21.00 horas. Esta actividade, aberta á participación do público interesado, rematará o 29 de outubro, cunha saída ao monte para recoller cogomelos.

 

The contents of this page were updated on 09.08.2022.