Convocada a sétima edición do certame para subtitular ao galego charlas TED de ciencias da saúde
Dada a escaseza de contidos divulgativos sobre ciencias da saúde en galego, as comisións de normalización lingüística das facultades que imparten titulacións desta área de coñecemento (Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Veterinaria) organizan o concurso #TEDSaúde, que invita á comunidade da USC e ao público en xeral a subtitular ao galego charlas TED de ciencias da saúde.
TED é unha organización sen ánimo de lucro, dedicada ás "ideas que merecen ser difundidas", coñecida mundialmente polas súas charlas (TED Talks), que cobren un amplo espectro de temas que vai dende as ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, ou negocios, ata asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento ou lecer, entre outros. “Para difundir esas ideas, TED promove que estas se subtitulen a cantas máis linguas, mellor”, explican dende o Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Modalidades
O VII Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego (2022) consta de dúas modalidades: membros da comunidade universitaria da USC que non pertenzan á comunidade TED (modalidade A) e membros da comunidade TED (modalidade B).
Na primeira das modalidades, as persoas participantes deben inscribirse entre o 13 e o 28 de setembro nun obradoiro de catro horas –de balde-, para aprender como funciona a plataforma de tradución e subtitulación e profundar nos erros máis frecuentes da tradución inglés-galego. O taller desenvolverase o martes 4 de outubro entre as 16.00 e as 20.00 horas na Aula de informática da Facultade de Dereito da USC. Ata o 4 de novembro, debe realizarse a tradución e subtitulación ao galego dun vídeo TED relacionado coas ciencias da saúde segundo as instrucións que se fornecerán. Todas as persoas que participen recibirán un diploma de asistencia ao obradoiro por 4 horas así como unha constancia da experiencia de tradución e subtitulación.
Na modalidade B, as persoas deberán inscribirse enviando un correo electrónico a snl.concurso.subtitulacion [at] usc.es (snl[dot]concurso[dot]subtitulacion[at]usc[dot]es) ata o 28 de setembro de 2022, cos respectivos datos (nome e apelidos, DNI, enderezo postal e teléfono de contacto), ademais do perfil en TED.com ou en CaptionHub (a plataforma na que se subtitulan os vídeos TED). Ata o 4 de novembro de 2022 deberá realizarse a tradución e a subtitulación ao galego dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se fornecerán por correo electrónico.
Premios
Os e as participantes alleas á USC competirán por un premio de 300 euros e diploma honorífico. No caso das persoas pertencentes á USC, haberá catro premios de 300, 250, 200 e 150 euros, ademais do correspondente diploma acreditativo.