Skip to main content

O IV Ciclo da USC cumpre as súas vodas de prata con máis de 500 matriculados e co propósito de acadar 2.000 usuarios

Alumnado do IV Ciclo da USC no Campus de Lugo
Alumnado do IV Ciclo da USC no Campus de Lugo
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a directora do IV Ciclo da USC, Esther Olveira, e a concelleira Olga López Racamonde, abren na Casa do Saber de Lugo o novo curso do Programa de Formación de Maiores de 50 anos nunha sesión na que o profesor Emilio Carral pronunciou a charla ‘Agricultura e sustentabilidade na Galiza: subimos ou baixamos?’.
Lugo, Santiago de Compostela

O Programa de Formación de Maiores da USC cumpre a súas vodas de prata con máis de 500 persoas (183 na sede universitaria luguesa) matriculados nos programas de estudos da Diplomatura Sénior ofertados nos Campus de Lugo e de Santiago, así como nas sedes habilitadas en Ribeira e Vilagarcía de Arousa, segundo indicou a directora do IV Ciclo da USC, Esther Olveira, na sesión inaugural do novo curso, no marco dunha sesión celebrada na Casa do Saber de Lugo e na que tamén participaron o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e concelleira de Benestar Social do Concello de Lugo, Olga López Racamonde. O relatorio ‘Agricultural e sustentabilidade na Galiza: subimos ou baixamos?, ofrecido polo profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Emilio Carral Vilariño, serviu de colofón da apertura institucional do curso 2022-23 do IV Ciclo, cuxas clases comezan o 3 de outubro.

As estatísticas de matrícula achegadas pola directora do IV Ciclo da USC reflexan o incremento de alumnado neste programa de formación de maiores respecto do pasado curso e constatan a “recuperación da normalidade”, logo dos anos difíciles da pandemia, sinalou Esther Olveira, que aproveitou este primeiro encontro co alumnado sénior para trasladarlles ao agradecemento pola súa implicación na formación e polo intereses por seguir a aprender, ao tempo que os animou a participar nos distintos seminarios monográficos que se celebrarán ao longo do curso, así como no programa ‘Destacando na ciencia’, promovido en colaboración co Concello de Lugo.

O IV Ciclo é un programa a través do que a USC pretende posibilitar que as persoas maiores compartan procesos formativos e de extensión cultural, con criterios interdisciplinarios, a fin de favorecer así a súa integración e a participación de todo o mundo atendendo ás necesidades de formación permanente das persoas maiores. O IV Ciclo constitúe pois un programa educativo regrado en conexión cos programas educativos dos outros ciclos que se imparten na USC, e ofrece dous títulos propios: o Diploma Sénior de IV Ciclo e o Diploma Excelsior de IV Ciclo.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, salientou asemade na apertura do novo curso do IV Ciclo da USC para lembrar a condición ‘universitaria’ do alumnado sénior, ao que tamén convidou a participar nas distintas actividades culturais e lúdicas programadas ata este xoves na sede universitaria luguesa no marco das xornadas ‘#BenVidaUSC!’.

 

Emilio Carral, Esther Olveira, Francisco Fraga e Olga López Racamonde, na apertura do curso do IV Ciclo na Casa do Saber
Emilio Carral, Esther Olveira, Francisco Fraga e Olga López Racamonde, na apertura do curso do IV Ciclo na Casa do Saber
The contents of this page were updated on 10.31.2024.