Skip to main content

Veterinaria organiza un torneo de trivial en galego para favorecer a socialización e a integración do novo estudantado

Cartaz do TriviGal
Cartaz do TriviGal
O I TriviGal, unha iniciativa lúdica aberta a participación de equipos de entre 2 e 4 estudantes, desenvolverase o 28 de setembro, a partir das 19.00 horas, na cafetería da Facultade de Veterinaria. A inscrición no certame é gratuíta e permanece aberta ata as 14.00 horas do día 27 no formulario xa habilitado en liña
Lugo

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade e Veterinaria do Campus de Lugo promove en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC a celebración dun torneo de trivial en galego, a fin de favorecer así a socialización do seu alumnado e do resto do estudantado da sede universitaria luguesa en lingua galega. O I TriviGal, unha iniciativa coordinada por Uxía Yáñez Ramil e aberta á participación de equipos de entre dous e catro estudantes, entre os que debe haber un membro da Facultade de Veterinaria, desenvolverase o 28 de setembro, a partir das 19.00 horas, na cafetería do citado centro universitario lugués. As persoas interesadas en tomar parte nesta iniciativa lúdica poden facer a súa inscrición de balde ata as 14.00 horas do 27 de setembro no formulario xa habilitado en liña.

O TriviGal, que responde a unha versión adaptada do xogo do trivial, pero en lingua galega e con cuestionario de elaboración propia, xurde como unha alternativa para favorecer as relacións entre o propio alumnado e tamén o coñecemento do campus e da cidade de Lugo, así como da sociedade galega, nun ambiente informal e lúdico, segundo comentou o técnico do SNL Xusto Rodríguez. A elección da Facultade de Veterinaria como sede desta actividade, engade Rodríguez, vén xustificada polo feito de que se trata do centro universitario lugués que capta un maior número de estudantes procedentes de fóra de Galicia, unha porcentaxe que neste curso 2022-23 sitúase no 55%, segundo indicou o decano Gonzalo Fernández Rodríguez, quen tamén precisou que 3 de cada 10 novos matriculados en primeiro curso do grao en Veterinaria acceden a estudos universitarios logo de completar ciclos de Formación Profesional (FP)

As persoas interesadas en participar no I TriviGal poden consultar as regras da competición nas bases da convocatoria deste torneo, que están accesibles en liña. O número de prazas está inicialmente limitado a un máximo de seis equipos, aínda que, de existir unha demanda máis elevada, a organización elaborará unha lista de agarda e incluso contempla a posibilidade de modificar a estrutura da competición.

A aceptación dos equipos competidores realizarse por orde de inscrición, segundo recollen as bases do TriviGal, nas que ademais de explicar as regras do xogo, tamén se fixa como premio para o gañador unha cesta de produtos galegos e un exemplar de ‘Ti non es de aquí?’, un xogo de mesa cultural-educativo desenvolvido por OZOCOgz.

 

The contents of this page were updated on 09.14.2022.