Skip to main content

O grupo Ruralia celebra na EPS de Enxeñaría un foro sobre o potencial dos bens comunais a prol do desenvolvemento rural

Edificio central da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo
Edificio central da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo
A sesión, na que intervirán representantes das comunidades de montes de Froxán e Coruxo, desenvolverase este xoves ás 17.00 horas na sala de xuntas do centro lugués

O grupo de innovación docente Ruralia, integrado por investigadoras das áreas de Economía Agraria, Historia Contemporánea e Ecoloxía da USC, celebrará este xoves, a partir das 17.00 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, unha mesa redonda sobre os bens comunais e o seu potencial como recurso multifuncional para o desenvolvemento de áreas rurais.

O comuneiro da mancomunidade veciñal de montes en man común de Froxán, no concello coruñés de Lousame Joam Evans Pim e Rubén Blanco, técnico da mancomunidade veciñal de montes en man común de Coruxo (Vigo) intervirán como relatores nesta sesión, que leva por título ‘Os comunais: un recurso multifuncional para o desenvolvemento rural’.

Evans e Blanco relatarán as experiencias de dous casos de comunidades de montes que outorgan unha grande relevancia aos usos ambientais. A comunidade de Coruxo é unha comunidade de carácter urbano que desenvolve unha intensa actividade de concienciación ambiental e loita contra especies invasoras. Doutra banda, a comunidade de Froxán foi incluída no ano 2017 no rexistro ICCA, dependente do Programa da ONU para o Medio Ambiente.

Esa listaxe valora aqueles espazos xestionados pola comunidade e da cal o traballo e proceso de toma de decisións contribúen á conservación da natureza. O seu obxectivo é apoiar e lograr o recoñecemento destes sistemas comunais de gobernanza, con particular atención á promoción dos seus valores sociais, ambientais e económicos.

Esta nova actividade promovida polo grupo de innovación docente Ruralia encádrase no marco do ciclo ‘O mundo rural galego, a debate’, para cuxa organización conta con financiamento do proxecto ‘ O monte comunal en Galicia desde a Idade Media á actualidade: de soporte dun vello complexo agrario a recurso medioambiental e patrimonio paisaxístico”, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade.

The contents of this page were updated on 11.07.2018.