Skip to main content

O Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago afonda na pegada xacobea dos nomes de lugar

De esquerda a dereita, Elias Jose Feijo Torres, Luz Méndez, Ana Boullón, Antonio López, María Álvarez de la Granja, Víctor F. Freixanes e Román Rodríguez. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Elias Jose Feijo Torres, Luz Méndez, Ana Boullón, Antonio López, María Álvarez de la Granja, Víctor F. Freixanes e Román Rodríguez. FOTO: Santi Alvite
O encontro reúne na Facultade de Filoloxía da USC especialistas referenciais de Galicia, a Península Ibérica, Italia e Francia nos eidos da toponimia, a filoloxía, a historia e a xeografía

O Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago botou a andar este mércores na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago. Organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da USC e Asociación Galega de Onomástica (AGON), e co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, o foro ten por obxectivo impulsar as novas investigacións sobre os nomes de lugar en Europa, a través dunha chamada á sistematización dos estudos científicos neste eido relacionados coas distintas rutas xacobeas.

O reitor da USC, Antonio López Díaz, presidiu a sesión inaugural deste encontro que, ao vincular “a proxección do pobo sobre a terra, manifestada nas denominacións dos lugares, coa proxección do Camiño de Santiago como vía asentada a través de séculos de pisadas polo territorio, de seguro permitirá atopar fondas relacións nun congreso que mira desde Galicia e desde outros territorios nos que se asenta e ramifica esa vía cultural”, destacou.

De esquerda a dereita, Ana Boullón, Elias Jose Feijo Torres, Román Rodríguez, Antonio López e Víctor F. Freixanes. Foto Santi Alvite
De esquerda a dereita, Ana Boullón, Elias Jose Feijo Torres, Román Rodríguez, Antonio López e Víctor F. Freixanes. Foto Santi Alvite

A inauguración do encontro contou tamén coas intervencións do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a académica e docente da USC Ana Boullón; a presidenta de AGON, e académica correspondente Luz Méndez; o decano de Filoloxía, Elías Torres; e a secretaria do Instituto da Lingua Galega, María Álvarez de la Granja.

A profesora da USC e académica de número Ana Boullón, organizadora do encontro xunto a Luz Méndez, apuntou que, alén dos aspectos filolóxicos, ao longo dos tres días de duración do foro as relatoras e relatores participantes achegarán novas olladas dende outros eidos. “Queremos que o europeísmo e tamén a multidisciplinariedade percorran estas xornadas: a aplicación das novas tecnoloxías, a historia, a cartografía, o turismo ou a rehabilitación do patrimonio serán outros dos distintos eixes deste congreso”, detallou.

Tres xornadas arredor da toponimia dos camiños de Santiago

O académico electo da RAG, Gonzalo Navaza, foi o encargado de impartir o relatorio de apertura do congreso cunha intervención dedicada ás etimoloxías xacobeas na que abordou dende a orixe dos nomes de Santiago e Compostela ata a aparición de iconas universais xacobeas como a vieira. O programa desta primeira xornada, centrada no Camiño de Santiago en Galicia, inclúe tamén achegas de Carlos Búa (Universität Leipzig) sobre Callobre; Xosé Manuel Sánchez Rei (Universidade da Coruña) sobre a toponimia menor de Sobrado na época medieval; Paula Bouzas (Universität Göttingen) sobre o Tombo de Iria como fonte de información toponímica; o académico correspondente Xosé María Lema, arredor dos topónimos do Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil; o coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, verbo da microtoponimia relacionada coas rutas xacobeas; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que abordará o compoñente lingüístico, cultural e turístico da toponimia no Camiño.

O congreso continúa o xoves 22 cunha xornada centrada no Camiño de Santiago na Península Ibérica, coa participación de persoal investigador de Toponimasticom Hispaniae, o proxecto coordinado pola académica Ana Boullón que estuda a toponimia de toda a Península Ibérica. As sesións do xoves profundarán en cuestións relacionadas coa área catalá-valenciana, Aragón, Portugal ou Euskadi a cargo de especialistas como o catedrático da Universitat de València Emili Casanova; Javier Giralt, presidente da Academia Aragonesa de la Lengua e director do Institut Aragonès del Català; Carlos Rocha, investigador do Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa; Patxi Salaberri, académico de número de Euskaltzaindia e catedrático da UPNA; e Mikel Gorrotxategi, de Euskaltzaindia.

O programa do venres centrarase no Camiño de Santiago en Europa, a cartografía e mais a historia medieval e contará con voces como as de Elena Papa e Alda Rossebastiano, da Università di Torino, e Pierre-Henry Billy, do Centre National de la Recherche Scientifique francés, con achegas sobre a toponimia xacobea na área subalpina e Francia; Marta Montilla, do Instituto eográfico Nacional, que falará sobre os recursos xeográficos e dixitais do Camiño da institución á que pertence; Carlos Baliñas, cunha contribución sobre os usos sociais dos sobrenomes na Galicia altomedieval e a posible influencia no Camiño; José Carlos Sánchez Pardo, que falará sobre a relación entre os topónimos e o estudo histórico da paisaxe ao redor das rúas xacobeas en Galicia; e Irene García Losquiño, que ofrecerá unha ollada á pegada da migración viquinga na paisaxe arqueolóxica e na toponimia.

Canda estes relatorios, o programa do congreso inclúe un concerto aberto a todo o público do zanfonista Germán Díaz, acompañado no clarinete baixo por Pablo Pascual. Este recital, titulado A zanfona e o Camiño de Santiago, terá lugar o xoves 22 de setembro ás 19.30 horas no salón de actos da Facultade de Filoloxía da USC.

The contents of this page were updated on 09.21.2022.