Skip to main content

Estudantes da USC e do IES Lucus Agusti participan en Grecia nun proxecto sobre incendios forestais con ‘Facing Fire’

Estudantes e docentes desprazados ata Grecia ao abeiro do proxecto Facing Fire. Foto: Iria Souto
Estudantes e docentes desprazados ata Grecia ao abeiro do proxecto Facing Fire. Foto: Iria Souto
A delegación internacional implicada nesta experiencia ambiental está a visitar diversos espazos afectados polas lapas para avaliar o impacto dos efectos provocados polo lume, a fin de promover proxectos de aprendizaxe-servizo
Lugo, Santiago de Compostela

Estudantes da USC e do IES Lucus Augusti da capital luguesa participan esta semana en Grecia nun proxecto internacional sobre incendios forestais ao abeiro do programa internacional Facing Fire, unha iniciativa internacional coordinada polo catedrático da área de Edafoloxía e Química Agrícola da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, Agustín Merino.

A delegación estudantil galega, que toma parte neste proxecto de educación ambiental xunto con docentes dos seus respectivos centros de procedencia, está a compartir experiencias con outro alumnado e profesorado das universidades de Aveiro (Portugal), Florencia (Italia) e Atenas (Grecia), ademais de con persoal do Centro da Administración Forestal de Grecia e co axente ambiental Alberto Ledo, do Distrito VII, en representación da Dirección de Defensa do Monte dependente da Xunta de Galicia. Todos os participantes aproveitarán esta estadía para desenvolver unha proposta de aprendizaxe-servizo a partir dos coñecementos adquiridos sobre os lumes forestais nesta experiencia.

O proxecto Facing Fire é un programa Erasmus+ dotado cun financiamento de 200.000 euros que confía con achegar novas solucións á complexa problemática que deparan os incendios forestais no vello continente. Impulsado principalmente polo grupos de investigación Uxafores, da EPSE do Campus Terra, e Esculca, da Facultade de Ciencias de Educación, pero coa implicación doutros docentes e investigadores das facultades de Formación do Profesorado, Ciencias da Comunicación, Bioloxía e mesmo da ETSE. A USC afronta este proxecto xunto con outros socios de Portugal, Italia e Grecia, países todos eles do arco mediterráneo, que constitúe a rexión europea máis castigada polas graves repercusións que provocan os incendios forestais no plano medioambiental, pero que tamén afectan ao seu desenvolvemento socioeconómico, especialmente nas áreas rurais.

Os estudantes e docentes desprazados ata Grecia proceden de ramas de coñecemento diversas. De feito, no caso da representación galega, hai universitarios que están a cursar formación de grao en Bioloxía, enxeñarías forestais e agrícolas, Xornalismo, Economía e mesmo o ciclo superior de Laboratorio e de Análise e Control de Calidade.

Programa

As distintas actividades programadas ao longo desta semana inclúen visitas a zonas nas que se produciron incendios durante os últimos anos, ademais doutras localizacións significativas, tal e como son o Monte Parnitha, Mati ou a illa de Eubea (Évia). A comitiva académica implicada nesta acción do proxecto Facing Fire analizará e realizará tamén unha avaliación do impacto dos lumes forestais nestes espazos naturais desde unha óptica multidisciplinar que conxuga as perspectivas medioambiental, económica e de comunicación.

De acordo con este plan de traballo e organizados en grupos de traballo internacionais e multidisciplinares, cada un dos participantes achegará desde o seu ámbito de coñecemento, a súa particular visión respecto da problemática que deparan os incendios forestais. Neste cometido, todos os participantes contan con asesoramento pedagóxico da man dos do grupo de investigación Esculca da USC.
 
O obxectivo último do programa Facing Fire, conclúe o coordinador do proxecto, é o desenvolvemento de proxectos únicos de formación en cada unha das rexións afectadas por incendios forestais, mediante o traballo práctico e a interacción entre educadores, investigadores, asociacións, ONGs, empresas forestais, e as diferentes administracións. A introdución de enfoques innovadores na capacitación dos estudantes contribuirá a superar a escaseza de traballadores cualificados, ao tempo que favorecerá o equilibrio de xénero no sector, fomentará o emprego naquelas rexións máis castigadas polos lumes e que presentan altas taxas de desemprego, relata Merino, que ve nesta ambiciosa iniciativa unha oportunidade para avanzar no proceso de conversión do problemática dos lumes forestais en novas oportunidades de desenvolvemento local.

 

The contents of this page were updated on 09.23.2022.