Skip to main content

Ángel Carracedo gaña o Premio Otero Pedrayo

O profesor Carracedo no seu despacho da USC. FOTO: Santi Alvite
O profesor Carracedo no seu despacho da USC. FOTO: Santi Alvite
Dende 1977, este galardón distingue o labor de contribución eminente á cultura de figuras que tamén axudaron a promover os valores propios de Galicia
Santiago de Compostela

“A ciencia é unha parte esencial da cultura e eu sempre loitei para que así fose considerada”. Así se pronunciou o catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, logo de coñecer que acababa de ser distinguido co premio Otero Pedrayo, galardón promovido polo Goberno galego e as catro deputacións provinciais e que ten como obxectivo perpetuar e honrar, dende 1977, a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

A candidatura de Ángel Carracedo partiu da propia Deputación da Coruña, representada polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, quen defendeu a necesidade de recoñecer "unha das principais figuras da historia da ciencia galega e un home comprometido co seu tempo, disposto sempre a participar en liñas de traballo que contribúan á mellora da nosa sociedade". Nesta edición tívose en conta o importante papel da investigación científica e médica despois dos dous anos de pandemia en que os avances da ciencia foron fundamentais para poñer freo a unha situación de crise sanitaria que lle custou a vida a máis de seis millóns de persoas no mundo.

Traxectoria

O profesor e investigador Ángel Carracedo naceu en 1955 e é un dos xenetistas máis relevantes a nivel internacional. Entre as súas investigacións, pódense citar as que se centran na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as enfermidades raras e a farmacoxenómica, ámbitos de traballo con especial repercusión na vida e na saúde das persoas. As máis prestixiosas revistas internacionais recollen traballos da súa autoría e asina igualmente un amplo abano de obras ensaísticas e de investigación científica que o sitúan á cabeza da produción intelectual do seu ámbito.

Desde o ano 1994, é director do Instituto de Medicina Legal da USC, un centro que situou, xunto co seu equipo, na vangarda das novas tecnoloxías de investigación en medicina forense por medio da xenética molecular, unha liña de traballo que continúa a realizarse en laboratorios de prestixio de todo o mundo.

Entre outros cargos, Ángel Carracedo conta na súa traxectoria co de director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado, presidente da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica, vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal e presidente da International Society for Forensic Genetics. Relevante tamén é o seu papel como formador de novas xeracións de investigadores e investigadoras e, neste sentido, cómpre destacar que dirixiu máis de medio cento de teses de doutoramento que son tamén referencia de investigación no ámbito médico e científico.

O Premio Galicia de Investigación, o Nóvoa Santos, a Medalla Galien ―o máis importante galardón en investigación farmacolóxica―, o premio Rei Xaime, a Medalla Castelao e a Medalla de Ouro de Galicia ou o Premio Nacional de Xenética, ademais de distintos doutorados honoris causa de universidades de Europa e América, son algúns dos recoñecementos recibidos ao longo da súa traxectoria.

The contents of this page were updated on 09.27.2022.