Skip to main content

Un simposio subliña o papel das administracións como peza clave para paliar o radon laboral

O profesor Ruano, primeiro pola esquerda, na inauguración do foro. FOTO: Santi Alvite
O profesor Ruano, primeiro pola esquerda, na inauguración do foro. FOTO: Santi Alvite
“A exposición a este gas debe abordarse dende a lexislación, que indica que non se deben superar os 300 bequerelios /m3 nos postos de traballo”, explicou o profesor da USC Alberto Ruano no relatorio inaugural do foro
Santiago de Compostela

“As administracións competentes deben establecer os mecanismos necesarios para asegurar que as persoas traballadoras estean protexidas contra o radon”. Baixo esta premisa arrancou a primeira edición do simposio estatal en materia de radon laboral, coordinado polo catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano, e Lucía Martín de Bernardo Gisbert, doutoranda do seu departamento. “A exposición a este gas debe abordarse dende a lexislación, que indica que non se deben superar os 300 bequerelios /m3 nos postos de traballo”, explicou o profesor Ruano no relatorio inaugural do foro. Nesta sesión de apertura, tamén participaron a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja; e Francisco Castejón Magaña, conselleiro no Consello de Seguridade Nuclear.

O profesor Ruano explicou como, no caso español, a lexislación laboral nesta materia entrará en vigor nas vindeiras semanas, mentres que outros países, como é o caso de Portugal, xa teñen incorporada esta lexislación dende hai catro anos. “Unha novidade importante é que parece que a actividade inspectora e sancionadora quedará nas competencias da Inspección de Traballo en colaboración co Consello de Seguridade Nuclear”, destacou Ruano, quen tamén puxo o foco na relevancia da acreditación das medicións de radon nos postos de traballo.

“Estas medicións deben seguir o que establece a lexislación, e deben facerse por laboratorios acreditados”, dixo. O máximo expoñente da acreditación é o que outorga a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) que garante que as medicións seguen os maiores estándares de calidade. Neste senso, Ruano subliñou a importancia de “desligar a medición de radon da remediación ou mitigación de gas radon, e que na medida do posible os laboratorios de medición non deben facer remediación e viceversa, como están a facer empresas como Radoncontrol, que miden radon con laboratorios independentes”.

Investigación

No que atinxe á investigación, o coñecemento da distribución do gas radon nos postos de traballo españois é aínda escasa e estanse a facer máis estudos. Proximamente, seguiu relatando o profesor Ruano, finalizarase un estudo que inclúe más de 3.000 postos de traballo españois realizado polo Laboratorio de Radon  de Galicia. Froito da investigación desenvolvida na USC, presentouse unha solución innovadora para postos de traballo onde non é posible a redución de radon, denominada RADONPRO, presentada pola doutoranda Lucía Martín de Bernardo Gisbert. Esta solución, en colaboración co Laboratorio de Radon de Galicia, permite planificar a dose de radiación dos traballadores asegurando que en ningún caso se superen os límites establecidos na Directiva Europea fronte ás radiacións ionizantes.

Modelos de referencia

Este foro permite ademais dar visibilidade á actividade de empresas que xa veñen desenvolvendo boas prácticas na protección das persoas traballadoras fronte a este gas carcinoxénico. Nestes casos, “o labor dos servizos de prevención de riscos é fundamental, xunto con estratexias de medición e mitigación previamente planificadas, apoiándose en expertos”, matizou Alberto Ruano.  Finalmente, destacouse a importante tarefa da comunicación do risco aos traballadores/as. “Por un lado, teñen dereito a coñecer a concentración de radon ao que están expostos e tamén a coñecer as medidas que o empregador desenvolve para reducir dita concentración e se estas foron eficaces”, sinala o catedrático da USC .

O Simposio foi financiado polo Consello de Seguridade Nuclear, no marco dunha axuda competitiva concedida ao Laboratorio de Radon de Galicia. Tamén colaborou no patrocinio o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA). O Laboratorio de Radon de Galicia é referencia internacional no estudo dos efectos do radon sobre a saúde, remontándose o primeiro estudo a hai tres décadas. Trátase dun laboratorio acreditado por ENAC para a medición de radon, sendo o segundo laboratorio, a nivel estatal, acreditado (no 2019) para técnica de trazas (obrigatoria nas vivendas e postos de traballo) e o primeiro laboratorio estatal acreditado para a medición de radon en continuo.

The contents of this page were updated on 09.27.2022.