Skip to main content

Arranca o Seminario Permanente CO(M)XÉNERO na USC

Cartel do encontro
Cartel do encontro

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acollerá o luns 12 a primeira sesión do CO(M)XÉNERO, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero que organiza o Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA). Dirixido por Margarita Ledo Andión, catedrática de Ciencias de Comunicación e Publicidade da USC e coordinadora do GEA, o seminario CO(M)XÉNERO busca ser un foco permanente de discusión e formación sobre o papel dos medios na vertebración da sociedade, con especial atención á visibilización informativa e cinematográfica da(s) identidade(s) de xénero. Nesta andadura conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Oficina de Igualdade de Xénero da USC, o programa Territorio das Mulleres, a Asociación Xornalistas Galegas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Esta primeira sesión arranca ás 16.00 horas no Auditorio da Facultade cunha benvida a cargo de Margarita Ledo Andión. A continuación, intervirá Ana Jorge Alonso, profesora da Universidade de Málaga e cunha ampla traxectoria investigadora en comunicación para o cambio social e o desenvolvemento especialmente centrada nos estudos da muller, co relatorio ‘Xénero e poder. A construción do discurso e o espazo mediático’.

Seguidamente, tomará a palabra a investigadora Carla Cerqueira, doutora en Ciencias da Comunicación con especialización en Psicoloxía da Comunicación pola Universidade do Minho e profesora auxiliar na Universidade do Porto, que centra a súa investigación nas relacións entre o xénero os medios, as desigualdades sociais e a comunicación no marco das ONG’s. A súa intervención leva por título ‘Xénero e xornalismo. Representacións e (in)visibilidades. Pautas para un tratamento informativo libre de tópicos sexistas’.

A terceira das relatoras convidadas é Marta Pérez Pereiro, doutora en Ciencias da Comunicación pola USC e membro do Grupo de Estudos Audiovisuais. Esta investigadora, experta na análise da ficción televisiva e cinematográfica e os estudos sobre o humor, analizará o papel dos textos, filmes e iniciativas asinadas por mulleres no discurso cinematográfico coa intervención ‘ Xénero e cinema. A crítica feminista na construción da ollada’.

O seminario rematará coa proxección do filme ‘Tódalas mulleres que coñezo’ , da realizadora Xiana do Teixeiro, doutora de Comunicación Audiovisual pola Universitat Autónoma de Barcelona e estudante egresada de Ciencias da Comunicación da USC. Neste filme que dirixe, guioniza e produce, a autora conversa sobre a desigualdade social de homes e mulleres coa cidade de Lugo como pano de fondo.

CO(M)XÉNERO está dirixido a profesionais, estudantes de comunicación e a todas as persoas interesadas en facerse con ferramentas para unha lectura crítica. A participación é de balde previa inscrición a través do formulario dispoñible na web www.estudosaudiovisuais.gal.

The contents of this page were updated on 11.09.2018.