Skip to main content

Santiago acolle a vindeira semana o ‘International Day’ da man de estudantes internacionais da USC para promover os programas de mobilidade

Detalle da edición celebrada o pasado ano
Detalle da edición celebrada o pasado ano

Mozos procedentes de diversos países participarán o vindeiro xoves 15 na VII Edición do ‘ International Day’, unha xornada expositiva na que estudantes internacionais que cursan estudos actualmente na USC amosarán aos visitantes as particularidades culturais dos seus países de orixe.

O obxectivo deste encontro, organizado pola asociación Erasmus Compostela xunto coa Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización, é difundir información sobre os programas de mobilidade internacional públicos e privados, no eido da educación, voluntariado e educación non formal, facilitando a elección dun futuro destino a aqueles persoas interesadas nesta modalidade.

Máis de 20 expositores, entre eles China, Marrocos, Austria, México, Afganistán, Perú, Argelia ou Xapón, se disporán no claustro da Facultade de Medicina de Santiago. En cada stand, presentarán os seus países de procedencia, facendo fincapé en aqueles aspectos que consideren máis significativos, evocativos ou ilustrativos: características xeográficas, o estilo de vida, a gastronomía a través de exemplos que poderán degustarse ‘in situ’, e a vida estudantil nas súas universidades. A utilización de material audiovisual e a mostra da cultura propia a través de canto, música ou baile son outros dos atractivos da xornada, que se prolongará entre as 11.30 e 16.30 horas.

A celebración do International Day inscríbese nesta ocasión nos eventos conmemorativos do 150 Aniversario do establecemento de Relacións Diplomáticas entre Xapón e España. Para acadar máis información ou realizar a inscrición, as persoas interesadas poden consultar a páxina web www.erasmus.gal/internationalday/, ou enviar un correo a day [at] erasmus.gal (day[at]erasmus[dot]gal).

The contents of this page were updated on 11.09.2018.