Skip to main content

O profesor Nel Rodríguez imparte a lección maxistral de inicio de curso en Filosofía

Nel Rodríguez Rial e Marcelino Agís Villaverde
Nel Rodríguez Rial e Marcelino Agís Villaverde
Na súa intervención realizou unha análise fenomenolóxica e poética da tarefa do pintor e da dimensión estética desta arte

A Facultade de Filosofía da USC celebrou un ano máis o inicio de curso cunha lección maxistral impartida polo profesor e artista Nel Rodríguez Rial. Ata a súa xubilación en decembro de 2014, Rodríguez Rial foi profesor titular de Estética da Facultade e nos últimos anos exerceu tamén o cargo de director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social.

Na lección maxistral, titulada ‘Eloxio da pintura’, realizou unha análise fenomenolóxica e poética da tarefa do pintor e da dimensión estética desta arte. Nel Rodríguez, que dende a súa xubilación se dedicou con maior intensidade á pintura, salientou a dificultade da aprendizaxe e de calquera arte. Asegurou tamén que, cando o/a pintor/a ou o/a filósofo/a logran acabar con éxito unha obra consegue como premio a satisfacción da obra paciente e ben feita.

Na súa presentación, o decano da Facultade, Marcelino Agís Villaverde, lembrou a traxectoria do conferenciante quen realizou estudos de Filosofía na Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación (Sección de Filosofía), que viña de nacer no curso académico 1973/74, licenciándose no curso 1979/80. Foi, xa que logo, alumno da 3ª promoción. Obtivo o Grao de licenciado en 1983 cun traballo sobre ‘Ideas estéticas de Ortega y Gasset: Ortega, teórico e crítico da arte’. Doutorouse en Filosofía no ano 1999 coa tese Investigaciones sobre el método fenomenológico y sus aplicaciones en el Campo de la Estética.

A súa carreira docente comezouna no ano 1980, ao tempo que realizou estadías na Universidade de París X-Nanterre, onde se formou co filósofo e profesor de Estética Mikel Dufrenne. Unha boa parte das súas publicacións tratan sobre Estética fenomenolóxica, se ben destacan tamén traballos no ámbito do que el mesmo denominou a “razón ecolóxica”, como o seu libro O Planeta ferido. O acto foi seguido por unha destacada representación de estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos do Centro, en activo e xubilado.

The contents of this page were updated on 09.29.2022.