Skip to main content

A RAGC distingue a traxectoria dos catedráticos da USC Jesús López Romalde, Ramón Máiz e Jorge Mira

De esquerda a dereita, Jorge Mira, Ramón Máiz e Jesús López Romalde
De esquerda a dereita, Jorge Mira, Ramón Máiz e Jesús López Romalde
Este recoñecemento valora as traxectorias senlleiras e consolidadas en investigación, desenvolvidas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos
Santiago de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece coas ‘Medallas de Investigación’ aos catedráticos da USC Jesús López Romalde, Ramón Máiz e Jorge Mira. Esta distinción, que cumpre a súa cuarta edición, valora as traxectorias senlleiras e consolidadas en investigación, desenvolvidas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o 6 de outubro no Colexio de Fonseca en Santiago.

Jesús López Romalde

Jesús López Romalde (Ferrol, 1964) recibe a medalla Ánxeles Alvariño González, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC, “pola súa traxectoria científica e os logros obtidos en investigación e transferencia á sociedade neste eido”. É catedrático de  Microbioloxía e decano da Facultade de Bioloxía da USC. Comezou estudando a microbioloxía de organismos acuáticos, incluíndo diferentes aspectos de patóxenos bacterianos e virais. Os seus descubrimentos permitiron o desenvolvemento de vacinas como medida de prevención da yernisiose en peixes; avances que foron aplicados de forma paralela a outros patóxenos de peixes e moluscos. Logrou cinco patentes de vacinas para peixes ou métodos de diagnóstico de patóxenos, destacando a súa contribución a salvar a continuidade da industria do rodaballo en Galicia, ao deseñar unha vacina que conseguiu erradicar a estreptococose nesta especie. Foi nomeado experto técnico para SARS-CoV-2 polos seus traballos sobre a detección do virus en augas residuais a nivel estatal.

“É unha grande honra recibir a Medalla de Investigación da RAGC, non só pola satisfacción persoal de ver recoñecida unha traxectoria científica de máis de 35 anos, senón porque constitúe un pulo para seguir a traballar arreo no ámbito da Microbioloxía, unha disciplina apaixonante cuxa importancia para a sociedade quedou demostrada durante a recente pandemia. Quero agradecer e compartir este recoñecemento coas persoas que fixeron posible que chegase ata aquí, especialmente á miña familia e aos integrantes do meu grupo de investigación na USC ao longo destes anos”, manifestou.

Ramón Máiz

A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, destaca a traxectoria de Ramón Máiz Suárez (Tenerife, 1953), catedrático de Ciencia Política e da Administración da USC, “un dos politólogos máis importantes do noso tempo”. Entre as súas publicacións inclúense traballos senlleiros sobre temas como o nacionalismo e as institucións políticas en Galicia, a orixe do Estado moderno, o federalismo e a articulación territorial do poder, ou a influencia do pensamento de Sieyès para establecer a distinción entre nación e pobo. Firme defensor das Ciencias Sociais como un todo interconectado, influíu de maneira decisiva nos moitos estudantes de Ciencias Políticas e doutras disciplinas que asistiron ás súas clases, e moi especialmente nos autores das máis de trinta teses de doutoramento que dirixiu ao longo da súa carreira.

“Este recoñecemento merece  todo o meu emocionado agradecemento por proceder de tan prestixiosa institución e posúe unha débeda impagáble cos dous ámbitos colectivos nos que levo traballando toda a miña vida: o contexto de excelencia da Universidade da Santiago de Compostela e, moi especialmente, o equipo de Investigacións Políticas da USC”, sinalou.

Jorge Mira

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle ao catedrático de Electromagnestismo na USC Jorge Mira Pérez (Baio, 1968), “pola orixinalidade e calidade da súa traxectoria científica, con notables contribucións a un grande abano de disciplinas”. Autor duns 140 artigos en revistas de impacto internacional e 9 patentes e creacións rexistradas. Foi investigador ou investigador principal en 43 proxectos autonómicos, estatais e europeos; e investigador principal de máis dunha vintena de contratos e convenios. Coautor de traballos con científicos do talle do Premio Nobel John Goodenough, foi colaborador do Ministerio de Educación e Ciencia para a creación do Instituto Internacional de Nanotecnoloxía de Braga, membro do equipo encargado da predición da evolución da pandemia de COVID-19 para a Xunta de Galicia e membro da comisión de expertos do Goberno de España para a reforma da hora oficial. É académico correspondente da Real Academia Galega, membro do Consello da Cultura Galega e presidente da Comisión Deontolóxica do Colexio Oficial de Físicos de España.

“Síntome profundamente honrado por este recoñecemento da RAGC e invadido pola gratitude cara aos meus colaboradores ao longo destes anos, persoas brillantes coas que tiven o privilexio de compartir esforzos e aos que lles corresponde unha parte desta medalla”, apunta Jorge Mira.

Máis premios

Isabel Pastoriza Santos e Ángeles Sanromán, as dúas da UVigo, completan a listaxe de persoas premiadas.

The contents of this page were updated on 09.29.2022.