Skip to main content

A USC convoca axudas de manutención dirixidas ao alumnado

Alumnado nun dos comedores universitarios da USC. FOTO: Santi Alvite
Alumnado nun dos comedores universitarios da USC. FOTO: Santi Alvite
Teñen como obxectivo atender aquelas solicitudes que se presenten por parte dos e das estudantes cunha situación económica, social ou familiar que poida influír negativamente na continuidade dos seus estudos universitarios
Lugo, Santiago de Compostela

A USC convoca por terceiro curso consecutivo as axudas de manutención dirixidas ao alumnado. Iniciadas no marco da crise económica derivada da COVID-19, estas axudas teñen como obxectivo atender aquelas solicitudes que se presenten por parte dos e das estudantes cunha situación económica, social ou familiar que poida influír negativamente na continuidade deses estudos universitarios. Neste senso, a convocatoria destaca que este tipo de accións “continúan sendo necesarias, tendo en conta a crise económica derivada da escala de prezos logo da invasión de Ucraína, e que está afectando ao consumo de produtos básicos”.

A convocatoria de axudas ten por obxecto sufragar parcialmente os gastos de alimentación mediante a emisión de bonos de comedor intercambiables por un menú diario na franxa horaria do mediodía, nos días e períodos lectivos segundo o calendario escolar do curso 2022/2023. Con esta finalidade emitiranse 185 bonos de 100 consumos e 115 bonos de 60 consumos.

A presentación de solicitudes realizarase a través da Sede Electrónica da USC e empregando o formulario normalizado de solicitude dirixido á Xerencia, que estará dispoñible nesta ligazón ata as 23.59 horas do 14 de outubro de 2022. Poderá solicitar as axudas o alumando que cumpra os requirimentos establecidos na convocatoria.

The contents of this page were updated on 10.14.2022.