Skip to main content

Bota a andar a promoción 2022 de ESTALMAT-Galicia

Promoción Estalmat 2022. FOTO: Santi Alvite
Promoción Estalmat 2022. FOTO: Santi Alvite
Un total de trinta mozos e mozas integran a edición número quince deste programa de estímulo do talento matemático
Santiago de Compostela

Coa vontade de estimular o talento matemático en mozos e mozas de entre 12 e 14 anos, o programa ESTALMAT-Galicia bota a andar a súa décimo quinta promoción. O acto de apertura do novo curso desenvolveuse na Aula Magna da Facultade de Matemáticas este sábado, 1 de outubro, ás 11.00 horas, nun acto presidido polo reitor Antonio López. Un total de 10 alumnas e 20 alumnos asistiron acompañados por familiares, autoridades académicas, patrocinadores do proxecto, representantes do ensino medio e membros do equipo docente do proxecto. Ao final do acto, desenvolveuse un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Concello de Vilarmaior na Coruña, que supuxo unha toma de contacto entre elas e eles nun ambiente lúdico-matemático.

Ademais do reitor, interveñeron no acto a decana da Facultade de Matemáticas e presidenta do programa, a profesora Elena Vázquez Cendón; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novo, en delegación do Conselleiro de Cultura, Educación e Universidades; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar; e a profesora Alicia Seijas Vázquez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo e estudante de Estalmat-Galicia durante a primeira promoción, que intervén en representación do persoal docente que anima os estudantes a presentarse ás probas. Ademais, o IES Leiras Pulpeiro de Lugo, dirixido polo profesor de matemáticas Manuel ViIlariño, é o único no que se seleccionaron tres estudantes para esta promoción décimo quinta, cuxa presentación corre a cargo da secretaria do Comité Organizador de ESTALMAT-Galicia, Marina Germiñas Miguens, do IES Aquis Celenis-Caldas De Reis. 

Campamento

As actividades a desenvolver no campamento consisten na manipulación de omnipoliedros, na construción de cúpulas de Leonardo, así como nun concurso de fotografía matemática, ou unidades didácticas relativas a dous referentes no eido matemático galego: Domingo Fontán e María Wonenburger, publicadas polo Consello da Cultura Galega e pola Unidade de Muller e Ciencia, respectivamente, alén de participar nun paseo lóxico-matemático pola Torre dos Andrade.

Máis de 300 participantes

Na proba, realizada o pasado mes de xuño, participaron un total de 338 estudantes de toda Galicia, 138 nenas, 198 nenos e dous participantes que se identificaron con outras opcións, representando a 75 localidades diferentes do conxunto da comunidade. Con data de nacemento en 2008 asistiron 118; no 2009, 152; e no 2010, 66. De entre o alumando seleccionado, pertencen á Coruña 14, a Lugo 4, a Ourense 3 e 9 a Pontevedra, representando a 22 localidades diferentes de Galicia. Durante o curso os estudantes seguirán un programa de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que dende o ano 1998 vén implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares. As actividades de primeiro será todas presenciais e terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados.

O Proxecto ESTALMAT-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. Conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia e das Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. Ademais, o comité organizador agradece a SM o material enviado.

The contents of this page were updated on 10.03.2022.