Skip to main content

A agrupación estratéxica BioReDes da USC avanza no deseño do seu plan de actuación desde o Campus Terra para 2019

Investigadores do campus de Lugo agromados na agrupación estratéxica de investigación BioReDes
Investigadores do campus de Lugo agromados na agrupación estratéxica de investigación BioReDes
Os grupos de investigación do campus lugués integrados en BioRedes comezaron hoxe unha quenda de sesións para analizar as sinerxías e liñas transversais nas que colaborar

A agrupación estratéxica Biorrecursos: Desenvolvemento e Produción Sostible (BioReDes) do Campus Terra da USC avanza xa no deseño do seu plan de acción a desenvolver desde a sede universitaria luguesa para o próximo ano, segundo adiantou estes xoves o catedrático do Departamento de Xenética da USC e director desta agrupación científica.

Paulino Martínez realizou estas declaracións antes do comezo da primeira xuntanza de traballo organizada por BioReDes para favorecer coñecemento de cada un dos grupos de investigación consorciados, así como as súas potencialidades e principais liñas de investigación de cada equipo. Este primeiro encontro de traballo celebrado na Facultade de Veterinaria e no que participaron investigadores de catro dos grupos da USC con sede no campus lugués, terá continuidade nas sesións programadas para os días 22 de novembro e 13 de novembro.

As novas xuntanzas de traballo promovidas por BioReDes e nas que participarán representantes dos outros dez grupos de investigación desta agrupación científica, seguirán un esquema semellante ao da reunión celebrada este xoves. Martínez explicou neste senso que o obxecto destas xornadas e favorecer que cada un dos grupos de investigación faga unha exposición das súas liñas de traballo, así como das súas pretensións científicas ou proxectos de investigación. Estas sesións, que tamén inclúen un relatorio breve dun tema científico de carácter transversal, como o ofrecido este venres polo profesor e investigador do Departamento de Botánica da USC na EPS de Enxeñaría Ignacio García González, que fixo un achegamento á realidade do cambio climático a partir dos datos que posibilita a dendocronoloxía.

O director da agrupación científica estratéxica BioReDes do Campus Terra da USC, unha estrutura de investigación que vén de ser aprobada pola Xunta de Galicia e que conta cun financiamento de máis de 400.000 euros, comentou asemade que unha vez rematadas estas sesións previas, a directiva de BioRedes presentará a mediados de decembro a súa proposta de plan de acción para 2019.

Grupos de investigación de referencia competitiva

A agrupación BioReDes , constituída nesta fase inicial por 16 grupos de investigación de referencia competitiva e de potencial crecemento vinculados á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e á Facultade de Veterinaria, ademais de contar co apoio explícito do Instituto de Acuicultura da USC, agroma na actualidade unha importante masa crítica formada por máis dun centenar de investigadores estables, 42 en etapa de formación e outras 43 persoas con contratos de apoio técnico con cargo a actividades de I+D+i.

A produción científica da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC é outro dos indicadores que proban o seu potencial e dan mostra da capacidade dos investigadores que a integran, un colectivo científico que no quinquenio 2010-2015 publicou máis de 500 artigos en revistas do primeiro cuartil (Q1). Cómpre salientar tamén os ingresos captados por este colectivo investigador por actividades de I+D+i no trienio 2014-2016, período no que os grupos agora concentrados en BioReDes acadaron 11,6 millóns de euros de financiamento. Desta contía, un 32% corresponde a contratos con empresas, mentres que outro 13% dos ingresos procede de financiamento de proxectos internacionais.

Constituída como unha unidade tractora da estratexia de I+D do Campus Terra da USC e base para avanzar na construción dun campus de referencia no seu ámbito de especialización, a agrupación BioReDes antóllase como unha ferramenta integrada nos contextos nacional e internacional da investigación acaída para vertebrar unha estratexia de I+D para o sector primario de Galicia.

The contents of this page were updated on 11.15.2018.