Skip to main content

O CLM promove xuntanzas lúdicas entre alumnado para fomentar as destrezas orais en diversos idiomas

As iniciativas consisten en encontros informais. FOTO: Santi Alvite
As iniciativas consisten en encontros informais. FOTO: Santi Alvite
Sesións de Conversa, Encontros Lingüísticos e a actividade PARELLAES desenvólvense de modo paralelo á oferta de cursos

De xeito paralelo á oferta de cursos de idiomas, o Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC desenvolve este outono diversas actividades que nun ton lúdico e informal permitan mellorar a competencia lingüística das persoas inscritas. Así por exemplo, as Sesións de Conversa atópanse dirixidas a persoas que desexen practicar destrezas orais en francés e en inglés. As modalidades presenciais e en liña desenvolveranse dende o 7 de outubro ata o 31 de xaneiro, mais a matrícula que xa está aberta, pechará o 31 de outubro.

Doutra banda, o CLM tamén seguirá cos encontros lingüísticos entre estudantes internacionais e as persoas que desexan perfeccionar as destrezas orais en linguas varias, sen que reciban unha certificación ou créditos universitarios. O seguinte encontro terá lugar o 4 de outubro na cafetería universitaria EL SEU no Campus Vida (Sur).

Finalmente, as persoas que desexen practicar galego e catalán teñen á súa disposición a actividade PARELLAES impulsada dende a área de catalán da Facultade de Filoloxía e do CLM . A iniciativa consiste nun programa académico de intercambio lingüístico e cultural catalán-galego/galego-catalán entre alumnos da universidade que falen galego ou catalán e desexen aprender, practicar ou mellorar a outra lingua.

The contents of this page were updated on 05.10.2024.