Skip to main content

ForoAcui apégase á realidade da xestión dos recursos do mar e da acuicultura

O ForoAcui é un evento organizado pola Asociación Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas. Imaxe de arquivo de mariscadoras. FOTO: Santi Alvite
O ForoAcui é un evento organizado pola Asociación Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas. Imaxe de arquivo de mariscadoras. FOTO: Santi Alvite
Ata este venres, O Grove convértese na capital da reflexión e do debate sobre o futuro da pesca, marisqueo e acuicultura en Galicia a través da vixésimo cuarta edición deste encontro
Santiago de Compostela

O Foro dos Recursos Mariños e Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui) botou a andar este xoves 6 a que xa é a súa vixésimo cuarta edición asentado como espazo de referencia para comunicar e debater a realidade e as perspectivas de futuro da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia. Este espazo de diálogo reúne ata o venres 7, no Auditorio Municipal de O Grove, a  persoal investigador e representantes dos sectores económicos e da administración na procura dun intercambio de ideas apegado á realidade e circunstancias da xestión dos recursos do mar e a acuicultura.

As intervencións e debates, que poden ser seguidas de xeito presencial e en liña polas persoas inscritas, están articuladas arredor de seis mesas de traballo nas que se atenden outros tantos bloques temáticos. O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) foi o tema protagonista da primeira das mesas, logo da conferencia inaugural que pronunciou o director do propio CIMA, Carlos Gabín Sánchez, co título ‘A viaxe dende o parque experimental de ostricultura (1965) ata o Centro de Investigacións Mariñas’. A continuación o debate xirou cara ao marisqueo e a pesca de baixura, da man de persoal investigador que puxo o acento en cuestións relacionadas cos efectos das vagas de calor e o descenso da salinidade no marisqueo a pé ou novas aproximacións e ferramentas para o marisqueo e a acuicultura sustentables.

Nas mesas dedicadas á Acuicultura e a Empresas e Recursos danse cita representantes do mundo da investigación e do sector empresarial como Stolt Sea Farm, Skretting, Ovapiscis e Air Liquide, para analizar novas tendencias na mellora da produción acuícola, as tecnoloxías para o emprego de gases na acuicultura industrial, o uso de pensos sostibles, o subministro de ovas embrionadas producidas en Galicia para o sector da troita en España, ou mesmo exemplos internacionais como o de Chile onde se amosa como é posible xerar iniciativas emprendedoras partindo da pesca artesanal.

A primeira sesión do encontro, remata coa celebración do XXXIV Ciclo Cultivando o mar, ás 20.00 horas, na carpa institucional da Festa do Marisco do Grove. Este evento, aberto a todo o público, explora os vínculos entre a temática mariñeira e as redes sociais coas intervencións de Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro e divulgador en Twitter e Instagram; Patricia Bea Dopazo, xornalista e divulgadora en TikTok; e Rocío Garrido Caramés, cociñeira, empresaria e blogueira.

A xornada do venres 7 estará dedicada na súa totalidade ás ‘Ameazas e retos da acuicultura’ a través de dúas mesas de traballo nas que se abordarán cuestións da máxima actualidade, como o benestar dos peixes, a sustentabilidade da acuicultura, así como a súa importancia nas dietas saudables, ou na produción de proteína mariña, entre outros aspectos.

Como evento de difusión científica, de longa e consolidada traxectoria, resulta de especial importancia a presentación de comunicacións en formato póster que estarán expostas  ao longo das dúas xornadas, para que as persoas asistentes poidan consultalas e mesmo debater os seus contidos coas persoas autoras presentes no certame. Tamén se poderán recibir comunicacións en formato audiovisual que serán expostas en pantallas na zona de exhibición de pósteres e comunicacións. A entrega de premios ás mellores comunicacións audiovisuais e pósteres será o acto final antes da clausura do XXIV ForoAcui.

Referente internacional

O ForoAcui é un evento organizado pola Asociación Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas, que ten como vocación analizar e promover os recursos mariños e a acuicultura a nivel mundial. Dende 1997, é un referente internacional na análise do estado da industria acuícola e pesqueira a través de diferentes perspectivas como a explotación, a sustentabilidade, o benestar animal, a seguridade alimentaria e a proxección no futuro.

Como todos os anos, terá lugar, antes do inicio da presente edición, a presentación oficial do Libro de Actas da edición anterior, que como ven sendo habitual inclúe todos os relatorios, as  comunicacións científicas ‘in extenso’ e os pósteres presentados nesa edición.

Ademais da USC, o foro conta co apoio da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, así como co patrocinio de JJChicolino e a colaboración doutras empresas do sector da acuicultura en Galicia.

The contents of this page were updated on 10.06.2022.