Skip to main content

Unha investigación analiza os procesos comunitarios e de educación social en Galicia entre 1965 e 1982

Antonio Rojas Sampedro analizou os procesos comunitarios e de educación social en Galicia
Antonio Rojas Sampedro analizou os procesos comunitarios e de educación social en Galicia
Medio cento de entrevistas e un grupo de discusión conforman a base do traballo desenvolvido por Antonio Rojas Sampedro para profundar “na construción da sociedade democrática en Galicia”
Santiago de Compostela

“A construción dunha cidadanía democrática, a través de distintos graos de participación nas tomas de decisións que a todos afectan, é sempre un proxecto histórico-social inacabado e limitado”. Partindo desta premisa, Antonio Rojas Sampedro analizou os procesos comunitarios e de educación social en Galicia a través de medio centro de entrevistas e un grupo de discusión coa vontade de definir como se produciu a construción da cidadanía democrática na comunidade.

A tese de doutoramento titulada ‘A construción da cidadanía democrática en Galicia (1965-1982): procesos comunitarios e de educación social e popular’, dirixida polos profesores Antón Costa Rico e Belén Caballo Villar, e defendida na Facultade de Ciencias da Educación, profundou en como o concepto de ‘cidadanía democrática’ foise perfilando nas sociedades democráticas e atopando distintas concrecións. “Unha destas concrecións tivo lugar entre nós no tempo breve da Segunda República española, que se viu roto pola longa Ditadura franquista; tempo este no que, diante das contradicións,  e mediante unha conflitividade social crecente, algúns sectores sociais comezaron a formular a necesidade de promover unha ‘cidadanía democrática’. Entre eses sectores tamén interveu unha parte da Igrexa católica, aquela que asumiu con maior decisión os referentes do Vaticano II”, explica.

Neste sentido, a partir da fin do concilio Vaticano II da Igrexa católica en 1965, e “porque había un clero con ansia de sumarse a outras perspectivas de busca de xustiza social”, matiza o investigador, comezou a haber en Galicia os Encontros ou Coloquios de Parroquias, que foron a vía de “conexión, promoción e fortalecemento de múltiples experiencias de educación social e popular que compuxeron un conxunto valioso de iniciativas levadas a cabo entre fins dos anos sesenta e durante os setenta, prolongándose unha parte delas nos tempos seguintes”, engade Rojas Sampedro.

A tese constitúe unha investigación histórico-educativa baseada en recursos analíticos cualitativos que permitiron construír un amplo arquivo de recoñecemento de experiencias de educación social e comunitaria ao longo de toda a xeografía galega, poñendo de manifesto “a rica, diversa e comprometida acción social e cultural dun sector da Igrexa católica —en particular, clerecía parroquial, monxas de ordes relixiosas como a Compañía de María e segrares—, marcadas por unha forte dose de galeguización e de recuperación da lingua galega”, conclúe o investigador.

The contents of this page were updated on 10.06.2022.