Skip to main content

Jesús López Romalde, Ramón Máiz e Jorge Mira recibiron as Medallas de Investigación de Galicia da RAGC

De esquerda a dereita, Ramón Máiz, Jesús López Romalde, Antonio López e Jorge Mira. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Ramón Máiz, Jesús López Romalde, Antonio López e Jorge Mira. FOTO: Santi Alvite
O Día da Ciencia tamén serviu para render tributo ao impulsor da veterinaria Juan Rof Codina
Santiago de Compostela

Os catedráticos da USC Jesús López Romalde, Ramón Máiz e Jorge Mira recolleron este xoves 6 as Medallas de Investigación de Galicia que lles outorgou a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) no marco dun acto institucional que serviu para conmemorar o Día da Ciencia na comunidade. A sesión que estivo presidida polo reitor Antonio López tamén rendeu tributo ao impulsor da veterinaria Juan Rof Codina e “ao inmediato entusiasmo que sentiu pola sociedade rural galega, a súa agricultura e a súa gandaría”, tal e como explicou o tamén catedrático da USC, Lourenzo Fernández Prieto, quen pronunciou o relatorio ‘Juan Rof Codina (1874-1967), un veterinario galego doutro tempo, un científico de cando os veterinarios aprendían dos labregos’.

Jesús López Romalde

A catedrática da Área de Microbioloxía da USC, Alicia Estévez Toranzo, foi a encargada de presentar a traxectoria de Jesús López Romalde (Ferrol, 1964), quen recibiu a medalla Ánxeles Alvariño González, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC, “pola súa traxectoria científica e os logros obtidos en investigación e transferencia á sociedade neste eido”. López Romalde é catedrático de  Microbioloxía e decano da Facultade de Bioloxía da USC. Comezou estudando a microbioloxía de organismos acuáticos, incluíndo diferentes aspectos de patóxenos bacterianos e virais. Os seus descubrimentos permitiron o desenvolvemento de vacinas como medida de prevención da yernisiose en peixes; avances que foron aplicados de forma paralela a outros patóxenos de peixes e moluscos. Logrou cinco patentes de vacinas para peixes ou métodos de diagnóstico de patóxenos, destacando a súa contribución a salvar a continuidade da industria do rodaballo en Galicia, ao deseñar unha vacina que conseguiu erradicar a estreptococose nesta especie. Ademais, foi nomeado experto técnico para SARS-CoV-2 polos seus traballos sobre a detección do virus en augas residuais a nivel estatal. “Esta é a primeira vez que esta medalla se lle concede a un biólogo e agardo que isto sirva de punta de lanza para moitos e moitas outras no futuro”, manifestou á hora de recoller o galardón.

Ramón Máiz

A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, destacou a traxectoria de Ramón Máiz Suárez (Tenerife, 1953), catedrático de Ciencia Política e da Administración da USC, “un dos politólogos máis importantes do noso tempo”. Entre as súas publicacións inclúense traballos senlleiros sobre temas como o nacionalismo e as institucións políticas en Galicia, a orixe do Estado moderno, o federalismo e a articulación territorial do poder, ou a influencia do pensamento de Sieyès para establecer a distinción entre nación e pobo. Firme defensor das Ciencias Sociais como un todo interconectado, influíu de maneira decisiva nos moitos estudantes de Ciencias Políticas e doutras disciplinas que asistiron ás súas clases, e moi especialmente nos autores das máis de trinta teses de doutoramento que dirixiu ao longo da súa carreira. O profesor Máiz subliñou que o seu é un recoñecemento colectivo, un “premio ao proceso de implantar os estudos e a investigación de Ciencia Política en Galicia”.

Jorge Mira

O profesor José Rivas Rey foi o encargado de trazar un percorrido pola traxectoria investigadora do catedrático de Electromagnestismo da USC Jorge Mira Pérez (Baio, 1968), distinguido coa medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación “pola orixinalidade e calidade da súa traxectoria científica, con notables contribucións a un grande abano de disciplinas”. Autor duns 140 artigos en revistas de impacto internacional e 9 patentes e creacións rexistradas. Foi investigador ou investigador principal en 43 proxectos autonómicos, estatais e europeos; e investigador principal de máis dunha vintena de contratos e convenios. Coautor de traballos con científicos do talle do Premio Nobel John Goodenough, foi colaborador do Ministerio de Educación e Ciencia para a creación do Instituto Internacional de Nanotecnoloxía de Braga, membro do equipo encargado da predición da evolución da pandemia de COVID-19 para a Xunta de Galicia e membro da comisión de expertos do Goberno de España para a reforma da hora oficial. É académico correspondente da Real Academia Galega, membro do Consello da Cultura Galega e presidente da Comisión Deontolóxica do Colexio Oficial de Físicos de España. “A clave está nos compañeiros cos que me asociei”, afirmou Jorge Mira en referencia ao feito de que a súa singular carreira investigadora abarque todas as áreas de coñecemento.  

Juan Rof Codina, impulsor da raza rubia galega

O acto tamén serviu de escenario para homenaxear a figura de Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Barcelona, 1874 – Lugo, 1967), quen contribuíu á modernización do sector agropecuario galego e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros da comunidade. En 1898 é destinado a Lugo como tenente veterinario militar e é na cidade lucense onde nace o seu interese polos problemas gandeiros de Galicia. A partir de entón traballou a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX, destacando dous campos: a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora do continxente gandeiro, para o que comeza a escribir artigos de difusión de boas prácticas; e a organización e valorización da profesión veterinaria en España. Publicou a monografía La raza bovina gallega, un estudo no que se sentaron as bases do que logo sería a raza rubia galega.

“Para comprender todo o seu traballo e a súa pegada hai que debuxar unha árbore chea de pólas: o experto en sanidade e hixiene pecuaria, o científico zootecnista, o científico aplicado e tecnólogo, o intelectual agrarista, animador de sociedades agrarias, de seguros mutuos e da venda directa de gando evitando aos tratantes intermediarios, o construtor da profesión veterinaria, tamén o político que asume responsabilidades nos mellores e nos peores momentos, e o divulgador”, subliñou Lourenzo Fernández Prieto no seu discurso.

“Queremos salientar a traxectoria dun científico excepcional, un català de Lugo que conseguiu mellorar radicalmente a sanidade e produtividade do sector gandeiro, incorporando novos paradigmas como a prevención. Pero o seu labor non se limitou a Lugo nin a Galicia, a súa visión avanzada permitiu modernizar os procedementos veterinarios en España. Conseguiu ademais ir modificando a mentalidade dos gandeiros, incorporando elementos como o asociacionismo, as explotacións comunais ou a integración vertical das explotacións”, destacou o presidente da Academia, Juan Lema.

Outros premios

O Día da Ciencia en Galicia recoñeceu tamén a traxectoria de Mª Ángeles Sanromán Braga, medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas, que foi quen de crear un grupo de investigación de referencia en Bioprocesos Sostibles, desenvolvendo un gran número de solucións para tratar problemas ambientais complexos: e Isabel Pastoriza Santos, medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía polo desenvolvemento dunha liña de máximo interese na síntese de nanopartículas de ouro e prata mediante química coloidal, con enormes campos de aplicación en saúde e en procesos produtivos e ambientais.

Ademais do reitor da USC e do presidente da RAGC, asistiron ademais a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; Lara Méndez, alcaldesa do Concello de Lugo (cidade onde Rof Codina desenvolveu a súa carreira); Gabriel Soriano, concelleiro de El Prat de Llobregat (vila natal do homenaxeado); o presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, Antonio Crespo; a vicedecana da facultade de Veterinaria da USC, Maribel Quiroga; e dous netos do homenaxeado, José María e Juan Sancho Rof; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, educativas, culturais e de investigación galegas.

The contents of this page were updated on 10.07.2022.