Un seminario reflexiona sobre a reforma da Formación Profesional en España
O seminario internacional 'A reforma da formación profesional en España: un novo modelo para o século XXI’ aborda este venres 7 as amplas transformacións do sistema de formación profesional español que recolle a recentemente aprobada Lei Orgánica de Ordenación e Integración da Formación Profesional, tentando amosar o punto de vista dos distintos actores implicados (administración, axentes sociais, axentes educativos) e extraer unha serie de conclusións sobre cara a onde camiña a FP en España.
A Facultade de Relacións Laborais acolleu o acto de apertura presidido polo reitor Antonio López e que contou coas intervencións de Lourdes Mella Méndez, catedrática de Dereito do Traballo e investigadora principal do proxecto, e de Domingo A. Rodríguez Agulleiro, subdirector xeral de Ordenación e Innovación da Formación Profesional do Ministerio de Educación e Formación Profesional.
O seminario estrutúrase en dúas mesas redondas: ‘A valoración dos axentes sociais e a FUNDAE sobre o impacto da nova LO 3/2022, de 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional’ e ‘A perspectiva dos axentes educativos ante os retos académicos da nova Lei de Formación Profesional’. Ademais, a sesión de clausura conta coas intervencións da decana de Relacións Laborais, Silvia Moscoso, e de José Luis Mira Lema, director xeral de FP da Xunta de Galicia. A sesión está moderada pola profesora Consuelo Ferreiro Regueiro.
O foro enmárcase no proxecto de investigación 'Aprendizaxe ao longo da vida nunha sociedade dixital: formación e recualificación para as novas profesións do mercado de traballo global', que conta con financiamento da Axencia Estatal de Investigación (PID2020-113151RB-100).