Skip to main content

Xavier de Donato, elixido novo decano de Filosofía

Xavier de Donato foi elixido novo decano. FOTO: Santi Alvite
Xavier de Donato foi elixido novo decano. FOTO: Santi Alvite
O profesor pertence á área de Lóxica e Filosofía da Ciencia. Afianzar e promover a proxección exterior do centro é unha das metas que persegue

Xavier de Donato foi elixido decano da Facultade de Filosofía da USC por doce votos a favor e oito en branco nas eleccións celebradas na tarde deste luns 10 de outubro. Profesor da área de Lóxica e Filosofía da Ciencia, o novo decano, quen substitúe no cargo ao profesor Marcelino Agís, ten como principais campos de investigación a filosofía da ciencia, a epistemoloxía analítica, a filosofía da mente e a teoría da argumentación. Tamén lle interesan as teorías de modelos, a idealización, o inferencialismo, os obxectos abstractos, os conceptos e a comprensión científica.

Afianzar e promover a proxección exterior e a visibilidade institucional do centro, buscando en todo momento os mellores estándares de rigor académico, transparencia e transferencia do coñecemento é unha das metas que persegue o novo decano xunto coa continuación do plan de renovación de acreditacións das titulacións e consolidar a oferta de posgrao, mellorando a organización e contidos en mestrado.

Logo de ser elixido decano, Xavier de Donato manifestou a súa vontade de “iniciar un proceso de consulta e discusión para, se se considera oportuno, facer una reforma das titulacións, o que implicaría, caso de lograr un amplo consenso, unha modificación (substancial ou non) da memoria dos nosos títulos”, dixo. Formular a posibilidade dun dobre grao con Filosofía, desenvolver unha política científica de apoio aos grupos de investigación e aos investigadores noveles; e consolidar, promover e mellorar os programas de mobilidade e prácticas externas, completan xunto co impulso das políticas de xénero os obxectivos do novo decano.

Traxectoria

Xavier de Donato foi investigador predoutoral na Ludwig-Maximilians-Universität de Múnic (Alemaña), onde se doutorou en Filosofía cunha bolsa da Fundación ‘La Caixa’ e bolseiro posdoutoral no Instituto de Investigacións Filosóficas da Universidade Nacional Autónoma de México. Profesor convidado na Universidade Autónoma Metropolitana de México; de 2009 a 2013 foi investigador Isidro Parga Pondal na Universidade de Santiago de Compostela. Tamén foi investigador visitante na Brown University de Providence, Estados Unidos. Conseguiu unha bolsa ERASMUS+ para impartir cursos na Università degli Studi di Torino (Italia). Ten sido relator en múltiples congresos internacionais e investigador principal de proxectos.

The contents of this page were updated on 10.11.2022.