Skip to main content

Un foro profundará nas contemporáneas de Juana de Vega

Imaxe do congreso
Imaxe do congreso
Políticas, traballadoras e construtoras da sociedade serán obxecto de reflexión neste foro que se desenvolve do 20 ao 21 de outubro e cuxo prazo de inscrición permanece aberto
Santiago de Compostela

A Cátedra Juana de Vega de estudos de xénero e o Departamento de Historia da USC organizan o congreso internacional ‘Contemporáneas: políticas, traballadoras e construtoras de sociedade’ que se desenvolverá na Facultade de Filosofía do 20 ao 21 de outubro. Coa vontade de conmemorar o 150 aniversario da morte de Juana de Vega, este foro pretende, dende unha tripla perspectiva —política, económica e social—, contribuír a mellorar e difundir o coñecemento sobre as mulleres contemporáneas desta escritora e activista liberal.

O congreso organízase en tres sesións ‘Mulleres e política’, ‘Mulleres e economía’ e ‘Mulleres e sociedade’. En cada sesión, serán presentados diversos relatorios e comunicacións con investigacións recentes “que darán visibilidade a mulleres que durante o século XIX e ata 1939, foron determinantes nun proceso, aínda hoxe inconcluso, de normalización da súa presenza en todo tipo de contextos sociais, políticos, económicos e culturais”, apuntan dende a organización do evento. A inscrición aínda está aberta e pode formalizarse na web do congreso.

Juana de Vega participou en investimentos ferroviarios, comprando accións en bancos e empresas,  e aumentando, deste xeito, a súa riqueza familiar. Sendo filla única e sen descendencia, dedicou parte deste capital a diversas actividades que modernizaron a actividade económica do país. Creou unha granxa escola agraria, impulsou varios centros benéficos galegos e desenvolveu múltiples iniciativas educativas, “colaborando para trazar unha caridade liberal a través da incorporación da muller á actividade social”, engaden dende a organización do congreso. 

The contents of this page were updated on 10.13.2022.