Skip to main content

Formación do Profesorado amplía a capacitación do alumnado de Prácticum cun ciclo de conferencias que comeza este mércores

A presidenta da asociación ‘Sí, hai saída’, Marta Rodríguez Engroba, e o xuíz Sergio Orduña, abren o programa, ás 19.00 horas, cun relatorio sobre violencia de xénero

A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC amplía a formación e capacitación dos futuros mestres e mestras saídos do centro cun programa de conferencias que comezará este mércores, a partir das 19.00 horas, no salón de actos do centro universitario, cun relatorio sobre violencia de xénero.

A presidenta da asociación ‘Sí, hai saída’, Marta Orduña, e o xuíz titular do xulgado de instrución nº 3 de Lugo e responsable dos casos de violencia de xénero, Sergio Orduña, abren hoxe este ciclo cun relatorio no que afondarán na problemática da violencia de xénero.

Este programa de conferencias, organizado pola coordinadora do Prácticum na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, a profesora Uxía Garrido Filgueira, terá continuidade o luns 29 de outubro cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘As prácticas na construción da identidade docente’. Esta sesión, orientada especialmente a alumando de terceiro curso do grao en Mestre ou Mestra de Educación Infantil, será impartido polo director do Centro de Formación e Recursos de A Coruña, Joaquín Veiga Río.

O traballo por proxectos nas aulas de Educación Primaria’ centrará a temática da conferencia programada ao abeiro deste ciclo o mércores 31 de outubro na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Na súa intervención, a mestra e directora do CEIP Rosalía de Castro, Mª Dolores Freire Fernández, explicará ante o alumnado de 3º curso de Prácticum I a experiencia dunha metodoloxía de traballo na aula que ela mesma está a desenvolver no centro educativo que dirixe.

O ciclo de relatorios deseñado na Facultade de Formación do Profesorado coa pretensión de reforzar e ampliar os coñecementos do alumnado de Prácticum terá continuidade a mediados de novembro cunha nova conferencia que leva por título ‘Poñendo os lentes. Prevención da violencia sexual contra a infancia. Un de cada cinco’.

Esta charla, que se desenvolverá o 15 de novembro a partir das 16.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, encádrase nunha campaña do Consello de Europa para a prevención da violencia sexual contra a infancia. Técnicos e responsables da entidade sen ánimo de lucro Amino serán os encargados de guiar esta sesión, a penúltima dunha programación que rematará o 13 de decembro.

The contents of this page were updated on 10.23.2018.