Skip to main content

Comeza o congreso internacional ‘O Ano do Patrimonio Cultural Europeo e o Camiño de Santiago’

A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións que dirixe o profesor Domingo González Lopo, o Grupo Compostela de Universidades e a Cátedra de Estudos Xurídicos Locais Màrius Viadel i Martín desenvolven a partir deste martes 23 o Congreso Internacional ‘O Ano do Patrimonio Cultural Europeo e o Camiño de Santiago.

O encontro, que se inaugurará ás 9.30 horas no Paraninfo da Universidade coa asistencia do reitor Antonio López, terá como tema de fondo o Ano do Patrimonio Cultural Europeo e o Camiño de Santiago e para iso contará coa participación de xuristas e historiadores estatais e internacionais que abordarán en relatorios e mesas redondas cuestións relacionadas co patrimonio cultural, o Camiño de Santiago e as súas implicacións xurídicas.

Logo da apertura, terá lugar o relatorio inaugural ‘O patrimonio artístico do Camiño de Santiago e os seus valores’ a cargo da profesora de Historia da Arte da Universidade de burgos e gañadora do Premio Grupo Compostela de Universidades-Xunta de Galicia 2018, Pilar Alonso Abad. Seguiralle a intervención do profesor da USC Juan Monterroso sobre os riscos do Camiño e os itinerarios culturais.

Os días 23 e 24 de outubro a actividade académica terá lugar principalmente no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela e a entrada será libre ata completar aforo. Xa o 25 de outubro as actividades programadas en Padrón están destinadas aos beneficiarios das bolsas concedidas pola organización, que percorrerán un tramo do Camiño Portugués e presentarán as conclusións dos traballos desenvolvidos en grupo. Estes candidatos foron seleccionados entre as máis de 50 solicitudes recibidas dende países como Italia, Portugal, Brasil, Perú e España.

The contents of this page were updated on 10.22.2018.