O proxecto de innovación formativa Convivio de Ciencia reúne na EPS de Enxeñaría 45 docentes de ensino medio
O proxecto de innovación formativa Convivio de Ciencia, unha iniciativa promovida polo grupo XuvenCiencia da USC co apoio da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) e os CFR da Xunta de Galicia, bota a andar este venres, a partir das 17.00 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, coa celebración do campus Convivio, un foro no marco do que 45 docentes de ESO, Formación Profesional e BAC procedentes de centros educativos de toda Galicia recibirán, durante dúas xornadas, formación en metodoloxía científica a partir dos kits de experimentación desenvolvidos por XuvenCiencia.
O programa Convivio de Ciencia, que conta con financiamento da FECTY do Ministerio de Ciencia e Innovación a través da última convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, contempla o desenvolvemento de varias accións. A primeira das actividades é o Campus Convivio, para o que formalizaron a súa inscrición 45 profesores das catro provincias galegas, máis de 20 de fóra de Lugo e cunha presenza feminina que supera o 70%.
O Campus Convivio, que se imparte a través do Programa de Formación Permanente que ofrecen os Centros de Formación e Recursos (CFR) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ao profesorado de ensino medio de toda Galicia, permitirá aos docentes matriculados mergullarse nun proxecto científico a partir dun dos sete kits de experimentación XuvenCiencia da súa escolla. O profesorado de fóra da provincia, do mesmo xeito que ocorre nos campus de verán XuvenCiencia para a mocidade, tamén terá a posibilidade de gozar de servizos de aloxamento e manutención.
Un kit XuvenCiencia para cada centro
O profesorado participante no Campus Convivio formarase ao longo das sesións programadas este venres e sábado no Campus de Lugo en metodoloxía investigadora, ao tempo que recibirá como agasallo para seu centro educativo o kit da súa escolla. Os dispositivos de experimentación desenvolvidos por XuvenCiencia, subliñan desde este grupo de innovación docente da USC, poden ser útiles para impartir un amplo abano de materias de ESO, BAC e FP básica, ciclos medios e superiores.
Os Kits de XuvenCiencia teñen aplicacións acaídas para as áreas de Agricultura e Gandería, Bioloxía molecular, celular e xenética, Bioloxía vexetal e animal, Biotecnoloxía, Ciencia e tecnoloxía dos alimentos, Ciencias da Terra, Ciencias Sociais, Linguas e Filosofía, Física e Ciencias do Espazo, Historia, Arte e Arqueoloxía, Enxeñaría, Innovación, Medicina, Fisioloxía e Farmacoloxía, Medio e ecoloxía, Novas tecnoloxías e Química. Ademais, as prestacións destes dispositivos poden ser tamén útiles para estudantado de STEMBach e clubs de ciencias, así como para tratar aspectos educativos transversais.
O método científico e a práctica investigadora na aula, metodoloxías e ferramentas para a realización de proxectos de investigación e metodoloxías e ferramentas para a presentación de estudos científicos serán os tres principais bloques de contidos do Campus Convivio. A coordinadora do grupo XuvenCiencia, Mercedes Novo, abrirá ás 17.00 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría, a quenda de intervencións deste programa, que computará para os participantes como unha actividade de 12 horas presenciais máis 7 non presenciais, cunha sesión introdutoria á práctica investigadora nas aulas.
A presentación dos kits de XuvenCiencia, así como dos experimentos que se realizar, centrará as actividades previstas para a tarde deste venres e continuarán na mañá do sábado, cando tamén está previsto que o profesorado visite a canle de ondas da EPSE, unha dotación tecnolóxica que están a empregar os investigadores da área de Enxeñaría Hidráulica da USC no marco do proxecto europeo PORTOS, coordinado por Rodrigo Carballo e orientado a avanzar na autosuficiencia enerxética dos portos mariños en Europa.