Skip to main content

A EPS de Enxeñaría achégase ao mundo da micoloxía cun foro divulgativo e unha exposición de cogomelos

Persoas ollan a mostra de cogomelos aberta na EPS de Enxeñaría
Persoas ollan a mostra de cogomelos aberta na EPS de Enxeñaría
O catedrático emérito e coordinador do programa, Antonio Rigueiro, salienta a importante rendibilidade económica do aproveitamento de cogomelos comestibles, aínda que recoñece que a campaña actual non está a ser boa por mor da seca
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC achégase esta semana ao mundo a micoloxía a través dun foro monográfico coordinado polo catedrático emérito Antonio Rigueiro e, no marco do que distintos relatores que afondarán nas sesións programadas ata este venres en cuestións relativas á morfoloxía, a ecoloxía e mesmo respecto da identificación e conseguinte diferenciación entre cogomelos comestibles e velenosos. Unha mostra de cogomelos, que permanece aberta ao público nas instalacións do centro universitario lugués, complementa o cometido divulgativo deste foro monográfico, organizado en colaboración coa Asociación Micolóxica Lucus e no que formalizaron a súa inscrición preto de 30 persoas.

Os cogomelos silvestres encádranse entre as producións non madeireiras dos ecosistemas con arboredo, pois moitas especies viven nos terreos con árbores, sinala Antonio Rigueiro, quen cita entre as especies de maior importancia económica en Galicia, as andoas, boletos, os níscalos ou fungos da muña e as cantarelas.

“A prolongada seca está a condicionar a actual tempada de cogomelos, que ata o momento non foi boa, aínda que agardamos que estas primeiras choivas de outono permitan aumentar as producións”, comenta Rigueiro, que destaca os soutos de castiñeiros, as carballeiras en sentido amplo e os piñeirais os arboredos con mellores producións de cogomelos comestibles.

O catedrático emérito da EPS de Enxeñaría, que este mércores, a partir das 18.30 horas, impartirá unha nova sesión sobre cogomelos comestibles, fixo tamén fincapé na alta rendibilidade que poden reportar o aproveitamento dos recursos micolóxicos para os propietarios forestais. Neste senso, Rigueiro cifrou en 150 quilogramos por hectárea a cantidade de cantarela recollida o pasado ano nalgún souto de castiñeiros do Courel. Esta produción podería traducirse nun valor económico de 900 euros, que é igual ou superior á rendibilidade obtida da produción de castaña, dixo, para logo engadir que “estamos a falar do rendemento económico da cantarela, pero hai outras variedades, algunhas de primavera e outras de outono”.

Alén da cuestión económica, o programa de iniciación á micoloxía que se está a desenvolver esta semana na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría antóllase como un complemento formativo de interese para o estudantado do grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, dado que “é importante considerar e por en valor o aproveitamento micolóxico e a mellora do mesmo nos labores de planificación e ordenación dos montes”, a fin de optimizar a súa multifuncionalidade.

Programa

O profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC Juan Luis Fernández Lorenzo abriu o programa de iniciación á micoloxía cunha sesión explicativa sobre o mundo dos fungos, no marco da que afondou sobre as formas de vida, a morfoloxía e a ecoloxía dos cogomelos. Logo desta primeira sesión introdutoria, que tamén tivo unha parte práctica, Antonio Rigueiro sitou os cogomelos comestibles, como tema central dunhas xornadas que continuarán este xoves e venres con dúas sesións guiadas polo veterinario e presidente da Asociación Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, quen centrará as súas intervencións nos cogomelos tóxicos e nas intoxicacións derivadas da súa inxesta.

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Roque Rodríguez Soalleiro pechará a quenda de intervencións neste foro o 21 de outubro, a partir das 19.30 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría cun relatorio baixo o título ‘Produción de cogomelos en ecosistemas forestais galegos. Selvi-cultura e produción de cogomelos’.

 

The contents of this page were updated on 10.19.2022.