Skip to main content

Máis de 200 especialistas debaten na USC sobre as perspectivas da física nuclear e as súas aplicacións

O foro esténdese ata o venres 28. FOTO: Elena Mora
O foro esténdese ata o venres 28. FOTO: Elena Mora
No marco da European Nuclear Physics Conference faise entrega do premio Lise Meitner 2022 a Phil Walker, científico da University of Surrey
Santiago de Compostela

O European Nuclear Physics Conference (EuNPC 2022), o maior congreso de física nuclear de Europa botou a andar este luns en Santiago de Compostela con máis de 200 participantes. Nesta quinta edición, organizada de forma conxunta polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), a división de Física Nuclear da Sociedade Europea de Física, e o grupo especializado de Física Nuclear da Real Sociedade Española de Física, o programa céntrase en nove bloques temáticos que revisan e discuten o estado e as perspectivas da física nuclear e as súas aplicacións.

O congreso confórmase como un escaparate dos desenvolvementos teóricos e experimentais de vangarda, onde se promoverá ata o venres 28 de outubro a interacción entre as investigacións máis destacadas e os conceptos innovadores neste campo. Na sesión inaugural participaron a presidenta do comité organizador e investigadora do IGFAE, Dolores Cortina; o director do IGFAE, Carlos Salgado; e a presidenta da división de Física Nuclear da Sociedade Europea de Física, Alison Bruce.

Premio para Phil Walker

No marco do congreso fíxose entrega do premio Lise Meitner 2022 a Phil Walker da University of Surrey polas súas contribucións fundamentais á comprensión dos estados nucleares excitados de longa duración "isoméricos" e os factores que determinan as súas vidas medias. A concesión do galardón desenvolveuse nun acto institucional presidido polo reitor Antonio López no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. No acto participou, ademais do reitor, Dolores Cortina e Alison Bruce, Miguel Ángel Sanchís Lozano, vicepresidente da Real Sociedade Española de Física.

Ademais, no seo deste foro, tamén se fai entrega do premio ás mellores teses doutorais 2021 en física nuclear experimental, teórica ou aplicada que na presente edición distinguen a Giuliano Giacalone, Jonas Karthein e Ágota Koszorús, respectivamente.

Recordando a Lise Meitner

As contribucións cruciais de Lise Meitner para descubrir, a principios do século XX, a fisión nuclear foron ignoradas polo comité do Premio Nobel. ‘Proxecto Meitner: Recordando a Lise Meitner’ é unha obra de teatro para todos os públicos promovida polo IGFAE, que pretende recuperar a memoria desta investigadora e facer xustiza co lugar que ocupa na historia da ciencia. Coincidindo co EuNPC 2022, a primeira sesión celébrase este luns 24 de outubro ás 21.00 horas para o público xeral e o segundo pase desenvolverase o martes 25 ás 10.00 horas, destinado exclusivamente a centros de secundaria e que se complementará cun coloquio posterior con físicas e artistas do espectáculo.

Esta é unha iniciativa impulsada  polo Instituto de Física Corpuscular (IFIC) do CSIC e a Universitat de València coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación e o Instituto Valenciano de Cultura, a Fundación Xeral CSIC e a Unitat de Igualtat da Universitat de València cuxa produción artística corre a cargo da compañía teatral CRIT.

Lise Meitner naceu en Viena o 7 de novembro de 1878. A educación que recibiu por parte da súa familia permitiulle chegar á universidade, estudar Física e converterse na segunda muller doutora da Universidade de Viena en 1906.  Ao rematar o seu doutoramento, Lise solicitou entrar como estudante no laboratorio Curie, pero  foi rexeitada por falta de prazas. Entón decidiu viaxar a Berlín para desenvolver os seus coñecementos no campo da radioactividade. Alí coñeceu o seu gran amigo e colega Otto Hahn con quen estableceu unha estreita colaboración científica de case máis de 30 anos.

En 1938 Lise tivo que fuxir da Alemaña nazi e exiliarse a Suecia.  Xunto a Fritz Strassmann produciron o primeiro exemplo de fisión nuclear, aínda que non se dan conta do achado ata que Lise interpreta os resultados. Un ano despois Otto mandou á revista Nature o traballo omitindo a Lise: temía que o acusasen de colaborar cunha xudía. Aínda que o papel de Lise foi crucial nos experimentos, só Otto recibiu en 1944 o Premio Nobel de Química por este descubrimento. Lise foi candidata en 48 ocasións ao Nobel, pero nunca o recibiu. Si conseguiu moitos outros recoñecementos, entre eles o Premio Enrico Fermi en 1966 polas súas contribucións á física. Dous anos despois, en 1968, Lise falece en Cambridge con case 90 anos. Na actualidade, ten o privilexio de ser a única científica que nomea en solitario un elemento da táboa periódica, o meitnerio.

Na sesión inaugural participaron a presidenta do comité organizador e investigadora do IGFAE, Dolores Cortina; o director do IGFAE, Carlos Salgado; e a presidenta da división de Física Nuclear da Sociedade Europea de Física, Alison Bruce. FOTO: Elena Mora
Na sesión inaugural participaron a presidenta do comité organizador e investigadora do IGFAE, Dolores Cortina; o director do IGFAE, Carlos Salgado; e a presidenta da división de Física Nuclear da Sociedade Europea de Física, Alison Bruce. FOTO: Elena Mora
The contents of this page were updated on 10.24.2022.