Skip to main content

Marilar Aleixandre gaña o Premio Nacional de Narrativa 2022

Marilar Aleixandre, nacida en Madrid en 1947, é narradora, poeta e tradutora. FOTO: Santi Alvite
Marilar Aleixandre, nacida en Madrid en 1947, é narradora, poeta e tradutora. FOTO: Santi Alvite
A profesora ‘ad honorem’ da USC obtén o galardón pola súa novela ‘As malas mulleres’
Santiago de Compostela

As malas mulleres, obra que asina a profesora ad honorem Marilar Aleixandre, acaba de ser recoñecida co Premio Nacional de Narrativa 2022, outorgado polo Ministerio de Cultura e Deporte e dotado con 20.000 euros. A novela que xa fora recoñecida en 2020 co Premio Eduardo Blanco Amor, relata a historia das visitadoras de cárceres, ambientando o seu desenvolvemento no último terzo do século XIX.

O xurado destacou a “orixinal estrutura híbrida que a converte nunha singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX, cun admirable dominio do diálogo e da linguaxe”. Ademais, sinalou que “a obra recupera a memoria dunha forma brillante en diálogo coa tradición literaria. Un coro de voces femininas de diversas clases sociais introduce elementos da poesía popular e cultura oral. A autora pon o acento nas desigualdades e á vez ofrece unha mirada esperanzadora: a capacidade de resiliencia e emancipación do ser humano, destacando a importancia da sororidade e do compromiso cos demais”.

Marilar Aleixandre, nacida en Madrid en 1947, é narradora, poeta e tradutora. En 1973 obtén a cátedra do Instituto de Ciencias Naturais, marchándose a Galicia onde foi profesora de Bioloxía tanto de ensino secundario como na Universidade de Santiago de Compostela. A súa vida profesional desenvolveuse ao redor da escritura e a docencia, impartindo a materia de Didáctica das Ciencias na USC. En 2017 ingresou na Real Academia Galega.

The contents of this page were updated on 10.26.2022.