Skip to main content

O grupo Acuigen da USC ensaia en peixe cebra un composto velenoso dun polbo australiano que frea o melanoma mutado por BRAF

Exemplar de peixe cebra ao que se inxectaron células con melanoma mutado por BRAF que contiñan xa o composto velenoso do polbo
Exemplar de peixe cebra ao que se inxectaron células con melanoma mutado por BRAF que contiñan xa o composto velenoso do polbo
Os investigadores da área de Xenética na Facultade de Veterinaria do Campus Terra Laura Sánchez, Pablo Cabezas Sainz e Sabela Fernández Vila probaron nun modelo ‘in vivo’ os efectos terapéuticos do péptido ao abeiro dun proxecto internacional liderado por María Ikonomopoulou, do IMDEA, segundo recolle un artigo publicado en British Journal of Pharmacology
Lugo

Un estudo preclínico no que participaron os investigadores do grupo Acuigen na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC Laura Sánchez Piñón, Pablo Cabezas Sainz e Sabela Fernández Vila, revela evidencias prometedoras de que un péptido identificado no veleno dun polbo australiano pode actuar como inhibidor ou, cando menos, retardar significativamente o crecemento de melanoma mutado por BRAF, segundo recolle o British Journal of Pharmacology no artigo ‘The structural conformation of the tachykinin domain drives the anti-tumoural activity of an octopus peptide in melanoma BRAFV600E’, que se fai eco da investigación liderada por María Ikonomopoulou, do Instituto Madrileño de Alimentación (IMDEA-Madrid).

A contribución dos investigadores do grupo Acuigen no marco deste proxecto internacional centrouse no desenvolvemento de ensaios in vivo en individuos de peixe cebra, aos que inxectaron células mutadas por BRAF ás que xa se incorporara este composto do veleno de polbo, segundo explicou a catedrática da área de Xenética da USC, Laura Sánchez Piñón, quen precisou que os resultados acadados nestes ensaios concordan cos obtidos nos estudos clínicos realizados pola doutora Ikonomopoulou e apuntan cara a un gran potencial terapéutico.

Esta nova colaboración do Acuigen con esta investigadora do IMDEA deparou resultados moi prometedores, que poderían servir de base para o futuro desenvolvemento de tratamentos eficaces contra o melanoma mutado por BRAF, un tipo de cancro que representa practicamente a metade dos casos de melanoma e cuxo prognóstico acostuma ser malo. “Estamos a falar de resultados dun estudo preclínico”, lembra Sánchez Piñón, ao tempo que engade que este composto do veleno do polbo apenas xera toxicidade, polo que podería resultar un activo importante na loita contra o cancro.

O traballo realizado polos investigadores da sede universitaria luguesa enmárcarse nun estudo preclínico liderado pola doutora Maria Ikonomopoulou, quen, logo de comezar esta liña de investigación cando estaba no QIMR Berghofer, implicou tamén neste proxecto a colaboradores das universidades de Queensland e James Cook, así como ao Instituto de Estudos Avanzados en Alimentación de Madrid, centro ao que está vinculada na actualidade.
 
A doutora Ikonomopoulou probou as propiedades terapéuticas contra o melanoma mutado por BRAF dunha variedade de compostos velenos previamente indentificados pola Universidade de Queensland e reproducidos sinteticamente. Logo de moitas pescudas e estudos con compostos velenosos derivados de animais mariños, o péptido dun polbo de area habitual do Sur de Australia foi que destacou pola súa capacidade de dirixirse de forma segura e eficaz ás células de melanoma mutadas por BRAF en modelos preclínicos.

 

Laura Sánchez Piñón, no laboratorio de peixe cebra na Facultade de Veterinaria
Laura Sánchez Piñón, no laboratorio de peixe cebra na Facultade de Veterinaria
The contents of this page were updated on 10.28.2022.