Skip to main content

O Ibader urxe a mellora de información, cartografía e valoración ambiental das turbeiras para garantir a súa conservación estable

Portada do libro editado por Horreum-Ibader
Portada do libro editado por Horreum-Ibader
As recomendacións dos investigadores do Laboratorio de Territorio e Biodiversidade da USC figuran entre as conclusións do libro ‘Hábitats de turbera en la Red Natura 2000’

Investigadores do Laboratorio de Territorio e Biodiversidade (GI-1934) da USC agromados no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) recomendan mellorar a información, a cartografía e a valoración ambiental das turbeiras a fin de garantir así a conservación estable deste tipo de hábitats, segundo se recolle nas conclusións do libro ‘ Habitats de turbera en la Red Natura 2000. Diagnosis y criterios para su conservación y gestión en la Región Biogeográfica Atlántica’, un novo volume editado por Horreum-Ibader e coordinado polos profesores dos departamentos de Botánica e Produción Vexetal da USC, Pablo Ramil Rego e Manuel Antonio Rodríguez Guitián, respectivamente.

Esta nova publicación, realizada en colaboración con investigadores pertencentes a diversas entidades e institucións do noroeste ibérico no marco dos resultados do proxecto Life Tremedal, constitúe un estudo no que os seus autores abordan os criterios e problemas de diagnose dos hábitats de turbeira, así como, unha avaliación do seu estado de conservación ou as medidas necesarias e eivas en relación coa xestión destes hábitats de gran importancia, tanto polo seu valor para a conservación da biodiversidade, como polo seu papel como arquivos da historia da vexetación e o clima, ou como reservorios de carbono.

A defensa e valorización destes hábitats contrasta coa visión negativa que tiñan os naturalistas desde a época clásica ata a Ilustración, unha consideración dominante tanto na cultura popular como na académica que durante séculos levou a promover a transformación de turbeiras e áreas húmidas en terreos cultivados.

Neste escenario xorden xa desde mediados do século XIX e ao longo do século XX proxectos e iniciativas orientadas a buscar un maior rendemento forestal e agrícola destes espazos, identificados tradicionalmente como “terreos ociosos” que debían ser transformados en zonas de pasto, plantacións forestais ou mesmo en novos asentamentos urbanos. Como resultado destas orientacións, extensas áreas da Rexión Atlántica Ibérica ocupadas durante séculos por estes ambientes, rexistraron alteracións e degradacións da súas superficies. Algúns destes hábitats desapareceron e outros dos que aínda persisten presentan unha significativa perda da súa diversidade biolóxica e tamén unha redución da achega dos servizos ecosistémicos inherentes á súa condición de áreas húmidas.

A promulgación de la Directiva Hábitat (DC 92/43/CEE) puxo de relevo o grao de ameaza das uceiras húmidas e dos diversos tipos de turbeiras existentes dentro de la UE, ao identificalos como hábitats de interese comunitario e designando boa parte deles como hábitats prioritarios. Aínda así, a tardanza da configuración da Red Natura 2000, a falta de vixilancia das obrigas de protección e conservación da biodiversidade, a deixadez... permitiron que moitos territorios da Rexión Bioxeográfica Atlántica de España seguiran a perder áreas húmidas e turbeiras, con taxas de destrución inclusión superiores a antes da súa integración na UE.

A información compilada no marco do proxecto LIFE+Tremedal evidencia asemade a necesidade de actualizar as listas de referencia de hábitats das rexións Atlántica e Mediterránea referentes ao territorio español, a fin de axeitalas ao actual coñecemento científico-técnico.

Os autores desta investigación propoñen nesta mesma liña diversas recomendacións para garantir a curto e longo prazo un estado de conservación favorable, ademais do uso racional de ecosistemas de turbeiras. A mellora da información, cartografía e valoración ambiental das turbeiras, xunto coa prohibición de explotar a turba e a súa transformación explícita en terreos agrícolas son algunhas das medidas suxeridas neste senso.

Outras das acción propostas polo Ibader afectan á prohibición de construír vías, infraestruturas aéreas e subterráneas nestas áreas húmidas, elaborar plans para a restauración de turbeiras degradadas, aumentar o grao de representación real dos hábitats de turbeira na Red Natura 2000, e mesmo designar áreas húmidas de importancia internacional (Ramsar) sobre zonas conformadas por turbeiras e/ou uceiras higroturbosas.

The contents of this page were updated on 10.03.2018.