Skip to main content

O seminario CO(M)XÉNERO alcanza a súa sétima edición co lema ‘Descifrando violencias’

Cartel do seminario
Cartel do seminario
Coordinado pola directora do Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) Margarita Ledo Andión, o seminario está dirixido a estudantes de comunicación, persoal investigador en formación, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar “as diferentes violencias heteropatriarcais que nos atravesan”
Santiago de Compostela

O Seminario Permanente de Comunicación e Xénero, CO(M)XÉNERO, céntrase na súa sétima edición no “ollar, debater e aprender a descifrar diferentes modos e maneiras de violencia, latentes ou que podemos tocar coa man”. Coordinado pola directora do Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) Margarita Ledo Andión, o seminario está dirixido a estudantes de comunicación, persoal investigador en formación, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar “as diferentes violencias heteropatriarcais que nos atravesan”.

Da muller-monstro no cinema de terror, con especial atención á muller-lobo á muller-caníbal, falará Itxaso del Castillo, ensinante na Universidade do País Vasco, na primeira sesión do encontro este xoves 3, mentres Silvia Roca, investigadora do GEA, referirase ao paradigma representacional das mulleres no cinema galego de ficción  representa na ficción galega. Completa o programa do primeiro día a proxección de Anatomía dunha serea (15 minutos) e a celebración dun obradoiro da espectadora con Adriana Páramo e Iria Pinheiro. O venres 4 está prevista unha proxección e posterior coloquio coa artista multimedia e profesora na Universidade de Barcelona María Ruido, das obras Le paradis (3’47”) e Mater amatisima (55’). Seguiralle a exhibición de Las reglas del juego (41’) para rematar cun obradoiro de ‘live cinema’ con Adriana Páramos e Iria Pinheiro.

Esta edición está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade) e da Xunta de Galicia a través da convocatoria 2019 de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, da que é beneficiario o GEA.

The contents of this page were updated on 11.03.2022.