Skip to main content

Os ‘Encontros de Lúa de Chea’ súmanse ao Día Internacional da Muller coa proxección do filme ‘Tódalas mulleres que coñezo’

Cartaz da proxección do filme 'Tódalas mulleres que coñezo'
Cartaz da proxección do filme 'Tódalas mulleres que coñezo'
A sesión, promovida polo colectivo universitario Proxéctate en Galego’ desenvolverase este mércores 6, ás 19.00 horas, no salón de actos de Formación do Profesorado

O foro de reflexión e debates aberto sobre temas de actualidade ‘Encontros de Lúa Chea’, unha actividade promovida polo colectivo universitario Proxéctate en Galego, súmase á celebración do Día Internacional da Muller, unha efeméride que se conmemora o día 8 de marzo, coa proxección do filme ‘ Tódalas mulleres que coñezo’. Esta sesión de cine, de entrada libre e de balde ata completar aforo, desenvolverase o mércores 6 de marzo, a partir das 19.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

O filme ‘Tódalas mulleres que coñezo’, unha cinta de 71 minutos de duración e que xa foi premiada en diversos festivais de cinema ao longo do ano 2018, pon o foco sobre situacións de violencia que socialmente tenden a non valorarse, pero que lle meten o medo no corpo a millóns de mulleres cada día, tal e como pode ser o caso da percepción e emprego do espazo público.

Daquela, Xiana do Teixeiro, que é a directora deste filme rodado na capital luguesa, pon en evidencia a través de conversas con distintos grupos de mulleres, o masculinizada e violenta que continua a ser a rúa hoxe en día. A proxección da cinta estará seguida dun coloquio aberto no que participarán as protagonistas do filme e veciñas de Lugo, coas que o público presente poderá conversar e debater sobre quen domina as rúas, así como sobre as razóns polas que a xente non se sente segura nelas e mesmo suxerir propostas e iniciativas orientadas a mudar esta situación.

The contents of this page were updated on 03.04.2019.