Skip to main content

O Grupo de Anatomía Patolóxica Veterinaria da USC instrúe cun curso a responsables da inspección de enfermidades de peixes

Cartaz do curso
Cartaz do curso
O programa formativo ‘Diagnóstico clínico e patolóxico nos peixes’ reúne ata este martes no campus de Lugo a 27 alumnos, na súa maioría profesionais en exercicio

Máis de 25 profesionais responsables da inspección en materia de diagnóstico de enfermidades de peixes, na súa maioría veterinarios que están a traballar en diferentes consellarías ou servizos da Xunta de Galicia, participan desde hoxe na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo nun curso teórico e práctico sobre diagnóstico clínico e patolóxico de peixes.

A directora desta actividade formativa, a profesora do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias e coordinadora do Grupo de Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet) da USC, Maribel Quiroga Berdeal, sinalou que este curso, que terá continuidade durante a mañá do martes, ten como obxectivo favorecer a actualización dos coñecementos dos profesionais que desenvolven función de inspección en materia de diagnóstico de enfermidades de peixes.

Daquela, as sesións teóricas do curso, que serán impartidas polos investigadores de Gapavet Maribel Quiroga, Roberto Bermúdez e Ana Losada, permitirán achegar ao alumnado as claves para a avaliación dos signos clínicos, así como das lesións externas advertidas en diferentes especies de teleósteos, sobre todo, daquelas especies de interese en acuicultura.

Estas acción formativas permitirán tamén facer unha descrición das principais técnicas de diagnóstico rápido, ao tempo que se constatará a importancia da necropsia como ferramenta acaída para diagnosticar posibles enfermidades en peixes. O programa teórico deste curso, que está estruturado en 12 horas e formación e conta con financiamento da Escola Galega de Administración Pública (Egap) da Xunta de Galicia, permitirá asemade afondar nas características morfolóxicas dalgunhas enfermidades.

Quiroga Berdeal explicou neste senso que os participantes no curso terán a oportunidade de afondar nas características morfolóxicas que presentan os peixes afectados por patoloxías de declaración obrigada, para o que se presentarán casos prácticos común en peixes que poidan afectar a diferentes especies e que poidan ter tamén gran impacto sanitario e económico.

Os participantes neste curso aproveitarán tamén as sesións prácticas para realizar técnicas non letais de diagnóstico rápido, ademais de para realizar necropsias a diferentes especies de telósteos ou para a toma de mostras para o seu estudo en laboratorio.

The contents of this page were updated on 10.08.2018.