Skip to main content

Aberto o prazo de presentación de candidaturas do II Premio Luis Porteiro Garea á promoción uso do galego na USC

Aberto o prazo de presentación de candidaturas do II Premio Luis Porteiro Garea á promoción uso do galego na USC
Aberto o prazo de presentación de candidaturas do II Premio Luis Porteiro Garea á promoción uso do galego na USC

O Premio ‘ Luis Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC’ afronta a súa segunda edición co fin de recoñecer publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade. O premio lembra a figura do profesor da cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luis Porteiro Garea quen o día 16 de setembro de 1915 pronunciou na Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego de que se ten constancia.

O premio distinguirá persoas, entidades ou colectivo, tanto actuais como pasadas da USC (alumnado, persoal de administración e servizos ou persoal docente e investigador) por algunha ou varias das seguintes razóns: o emprego habitual da lingua galega nas actividades universitarias cotiás, especialmente cando este uso se producir de xeito pioneiro; a achega á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades da USC; o estudo e a difusión da lingua galega; ou calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na Universidade compostelá que sexa valorada como significativa.

O premio ten carácter de distinción pública e consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico sen que leve aparellado ben económico ningún. Igualmente, as candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo segundo o modelo que se pode descargar na web do Servizo de Normalización Lingüística. A presentación de propostas poderá realizarse ata o 15 de novembro.

O xurado, que tamén poderá propoñer cadansúas candidaturas ata un máximo de tres, integrarano o reitor, aquel/a membro do equipo de goberno da USC con competencias en cuestións de política lingüística; un/ha representante da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro; dúas persoas que acrediten a condición de membros dunha comisión de normalización lingüística de calquera das facultades da USC (previamente propostas por estas), asegurando a representación dos dous campus e das distintas áreas de coñecemento; dúas persoas de recoñecido prestixio no ámbito da Filoloxía Galega; e o director do Servizo de Normalización Lingüística.

The contents of this page were updated on 10.08.2018.