Skip to main content

Destacadas ex alumnas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC conversan sobre a súa carreira profesional

Seis mulleres egresadas en diferentes épocas da Facultade compostelá de Ciencias Económicas e Empresariais participarán este xoves 7 nun coloquio sobre a súa carreira profesional. Enmarcado nos actos que organiza a USC en conmemoración do Día Internacional das Mulleres, moderarao ás 12.30 horas na Aula B do centro a catedrática de Historia e Institucións Económicas da USC María Xosé Rodríguez Galdo.

No coloquio participarán tamén a coordinadora xeral de RSC e Institucional de Afundación/Abanca, María del Pilar Alves Moreno; a responsable financeira e Control de Xestión en Denso Sistemas Térmicos España, Lourdes Baliñas Antelo; a adxunta a Presidencia do Grupo Rodman e que foi Ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa Mangana; a directora do departamento de investigación da spin-off da USC AYeconomics Research Centre, Yolanda Pena Boquete; e Belén Solla Medina, que recentemente comenzou a traballar no departamento financeiro de Abanca Vida y Pensiones de Seguros y Reaseguros, S.A.U. tras desempeñar diferentes cargos en diferentes empresas de auditoría.

Todas elas contarán as súas experiencias profesionais e conversarán acerca de numerosas cuestións como os retos actuais nos diferentes sectores económicos, as competencias e valores que consideran fundamentais no desenvolvemento do traballo nas empresas e, de forma particular, a existencia de barreiras nas organizacións ou sectores de actividade polo feito de seren mulleres.

The contents of this page were updated on 03.06.2019.