Skip to main content

As violencias sexuais e as masculinidades disidentes, obxecto de análise en diversos foros da USC

A xornada inclúe tamén unha sesión de tarde destinada á exposición de traballos académicos. FOTO: Santi Alvite
A xornada inclúe tamén unha sesión de tarde destinada á exposición de traballos académicos. FOTO: Santi Alvite
Trátase das Xornadas Agresión OFF, a IV Xuntanza do Club de Masculinidades Disidentes e un seminario sobre os desafíos ante a reforma dos delitos sexuais
Santiago de Compostela

A cuarta edición das Xornadas Agresión OFF desenvólvese este luns, 14 de novembro, grazas ao impulso das Oficinas para a Igualdade de Xénero das tres universidades públicas galegas e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A sesión en quenda de mañá ten lugar na Facultade de Medicina e Odontoloxía, mentres que os relatorios de tarde desenvólvense en Ciencias da Educación. O reitor Antonio López presidiu o acto de apertura no que tamén participou a conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza; Cristina López Villar, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC; e a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da UVigo, María Isabel Doval Ruiz, quen interveu en liña.

O encontro pon o foco na sensibilización e a prevención da violencia sexual na mocidade cun programa de relatorios arredor da violencia de xénero na contorna universitaria, as experiencias nos campus europeos e norteamericanos, o traballo en igualdade e a prevención da violencia contra as mulleres nas universidades españolas, as medidas para afrontala nos campus galegos e os retos e oportunidades fronte ás violencias machistas.

A xornada inclúe tamén unha sesión de tarde destinada á exposición de traballos académicos  elaborados polo alumnado en materia de violencia nos campus e á realización de obradoiros de autodefensa fronte as violencias dixitais, narrativas e visualidades das violencias de xénero e novas masculinidades.

Masculinidades disidentes

Este luns desenvólvese tamén a IV Xuntanza do Club de Masculinidades Disidentes, unha iniciativa impulsada polo Oficina de Igualdade de Xénero da USC que procura reformular os esquemas, valores, condutas e pensamentos asociados ás masculinidades hexemónicas. O encontro arranca ás 17.00 horas na Sala de Visionado 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación coa intervención do seu coordinador, o profesor da USC Jorge García Marín, quen dá paso ao relatorio 'Os desacougos da masculinidade', a cargo do investigador da Universidade Complutense de Madrid, Antonio Agustín García. A continuación, procédese á reunión do club e á presentación das conclusións do encontro.  A actividade conta con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade

Desafíos ante a reforma dos delitos sexuais

A Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, supón unha reforma ambiciosa da protección e garantía da liberdade sexual en España, que non está exenta de polémica. A Facultade de Dereito da USC acolle esta tarde, a partir das 16.00 horas, un seminario no que se abordarán os aspectos máis cuestionados dende o punto de vista penal e procesual do novo marco de regulación dos delitos contra a liberdade sexual. O encontro contará cunha segunda sesión este martes, 15 de novembro na Sala de Xuntas do centro.

O programa profunda en cuestións como o pasado, presente e futuro dos delitos sexuais; o consentimento; as novidades no tratamento penal da difusión de imaxes ou vídeos íntimos sen consentimento; os requisitos de procedibilidade nos delitos contra a liberdade sexual; as posibilidades e límites da proba nos procesos por delitos sexuais; ou a protección ás vítimas de violencia sexual.

Esta iniciativa enmárcase ao abeiro do Proxecto I+D+i PID2020-112637RB-I00, 'A responsabilidade da intelixencia artificial: un desafío para as ciencias penais', financiado polo Programa Estatal de Fomento da Investigación Científica e Técnica de Excelencia, Subprograma Estatal de Xeración de Coñecemento, do Ministerio de Economía e Competitividade; e do Proxecto I+D+i PGC 2018-095735-B-I00, 'Límites á utilización de datos, evidencias e información entre procesos e procedementos diversos en España e a Unión Europea ' (LUDEI), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Axencia Estatal de Investigación e Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

 

 

The contents of this page were updated on 12.13.2022.