Skip to main content

Unha mostra percorre na Biblioteca Concepción Arenal “a cicatriz indelébel” que deixou a catástrofe do Prestige

A exposición pretende rememorar aquelas fatídicas xornadas que comezaron o 13 de novembro do ano 2002. FOTO: Santi Alvite
A exposición pretende rememorar aquelas fatídicas xornadas que comezaron o 13 de novembro do ano 2002. FOTO: Santi Alvite
A exposición contribúe, en palabras do director da biblioteca, José Francisco Méndez García, “á construción do relato colectivo daquel desastre ecolóxico que marcou un antes e un despois na nosa sociedade”
Santiago de Compostela

Dúas décadas despois da catástrofe do Prestige, a Biblioteca Concepción Arenal da USC súmase á conmemoración deste aniversario a través da mostra ‘20 anos do Prestige. Esa cicatriz indelébel’. A exposición contribúe, en palabras do director da biblioteca, José Francisco Méndez García, “á construción do relato colectivo daquel desastre ecolóxico que marcou un antes e un despois na nosa sociedade”. A mostra que este martes foi visitada pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, constitúe unha exposición bibliográfica seleccionada, “dada a inxente cantidade de material producido dende aquela”, continúa Francisco Méndez. Tras dúas décadas, este suceso “permanece inalterable na nosa memoria, de aí a elección do título, esa cicatriz indelébel”, matiza.

A exposición pretende rememorar aquelas fatídicas xornadas que comezaron o 13 de novembro do ano 2002, así como as súas causas e consecuencias dende distintas perspectivas: xornalística, política, social ou visual, entre outras, alén de subliñar “a repulsa cidadá e a marea de voluntariado que trouxo aparellado”, continúa. Así mesmo, a mostra contén unha pequena achega á mobilización que dende a USC se deu naqueles días a través da Plataforma Burla Negra, unha das máis de 200 asociacións vencelladas á Plataforma Nunca Máis, “artellada por colectivos nos que o persoal bibliotecario tivo moita presenza”.

Fotografías de Xesús García Devesa

“A mostra quere expresar, especialmente para as novas xeracións, o pesadelo que supuxo o afundimento e a chegada do chapapote ás nosas costas, pero tamén a mobilización da sociedade civil coa chegada das persoas voluntarias que non dubidaron en desprazarse para vir limpalas”, engade o director da Concepción Arenal. A exposición poderá visitarse durante o mes de novembro, de luns a venres, de 9.00 a 21.00 horas, e os sábados, domingos e festivos de 10.00 a 19.00 horas.

Como complemento á mostra bibliográfica o público poderá gozar dunha selección de fotografías inéditas de Xesús García Devesa, a través das cales pode verse a situación na que quedaron a Praia do Rostro e a costa de Sardiñeiro, en Fisterra, ademais das multitudinarias manifestacións convocadas por Nunca Máis celebradas en Compostela nos días posteriores ao afundimento.

The contents of this page were updated on 12.13.2022.