Skip to main content

Carmen Fernández Morante, reelixida decana da Facultade de Ciencias da Educación

Carmen Fernández Morante, reelixida decana da Facultade de Ciencias da Educación
Carmen Fernández Morante, reelixida decana da Facultade de Ciencias da Educación

A profesora do Departamento de Didáctica e Organización Escolar Mª Carmen Fernández Morante acaba de ser reelixida como decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

No novo período que inicia á fronte do centro, a profesora Fernández Morante formúlase dous retos principais. Por unha banda, acadar unha solución a medio prazo para unificar o centro en Compostela, na actualidade con instalacións nos campus Norte e Vida. Por outra, “avanzar na mellora cualitativa da docencia e da orientación educativa e profesional ao alumnado” logo de ter pasado polos diversos procesos requiridos de avaliación e acreditación.

O equipo decanal está formado ademais por Cristina Abeal Pereira como secretaria e con competencias en infraestruturas; Belén Castro Fernández como vicedecana de Coordinación do Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas; María José Méndez Lois como vicedecana de Titulacións, Prácticum e Relacións Institucionais; Josefa del Carmen Fernández de la Iglesia como vicedecana de Organización Académica e Economía; e Martín Leranoz como vicedecano de Estudantes, Mobilidade e Cultura.

A decana
Especialista en tecnoloxía educativa, a traxectoria profesional de carmen Fernández Morante está vinculada ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) aplicadas á formación, tema sobre o que ten impartido docencia universitaria e cursos formativos e de innovación docente para profesorado de todos os niveis educativos así como para profesionais da educación.

Carmen Fernández Morante foi vicerreitora de Titulacións e Persoal Docente e Investigador e xefa da sección de Tecnoloxía Educativa do Instituto de Ciencias da Educación. Pertence á Asociación Internacional para o desenvolvemento da Tecnoloxía Educativa e das Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación (Edutec) e ao Observatorio Galego de e-learning. É ademais a secretaria da Conferencia de Decanos e Decanas de Educación.

Forma parte do grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC e ten participado en numerosas publicacións e proxectos de investigación autonómicos e nacionais en colaboración con outros grupos. Como investigadora principal traballa en diversos proxectos europeos competitivos (e-Hospital, IEPTL, ICTeachers, ICTGoGirls, Rural School Cloud ou Create your future).

The contents of this page were updated on 10.16.2018.