Skip to main content

Presentouse o volume Ollando ó mar. Música civil e literatura na Galicia Atlántica (1875-1950)

Presentouse o volume Ollando ó mar. Música civil e literatura na Galicia Atlántica (1875-1950)
Presentouse o volume Ollando ó mar. Música civil e literatura na Galicia Atlántica (1875-1950)

O profesor da área de Música do Departamento de Historia da Arte da USC Javier Garbayo presentou esta semana no Museo de Pontevedra o libro Ollando ó mar. Música civil e literatura na Galicia Atlántica (1875-1950) do que é editor xunto con Montserrat Capelán.

O volume recolle os traballos presentados por unha trintena de investigadores no Simposio que se celebrou na cidade organizado polo grupo Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela. O encontro foi unha boa mostra dos últimos avances que se realizaron na investigación da música civil galega do último cuarto do século XIX e a primeira metade do XX.

O libro comeza cos traballos que explican o auxe da música civil como consecuencia do declive experimentado nas catedrais e igrexas consecuencia da desamortización e o Motu proprio. Todo isto levará á proliferación da música de salón, teatral, sinfónica e de banda. A música de salón é traballada así, co estudo das danzas para violín e piano de Manolo Quiroga, a teatral investigando tanto aos creadores galegos como ás compañías foráneas que chegaban cada ano, a sinfónica a través da creación de orquestras en Vigo e na Coruña e a actividade bandística co estudo da agrupacións de Santiago e Betanzos.

Os movementos galeguistas e identitarios analízanse a través dunha figura non moi coñecida ata a data pero sen dúbida esencial como foi a de Ramón Arana, quen, desde o seu traballo de folclorista e divulgador musical, pretendía unha rexeneración da música galega a semellanza da realizada noutras zonas. Estes movementos teñen o seu reflexo na actividade desenvolvida en América, polo que tamén se presentan varios traballos sobre o labor levado a cabo a este respecto en Arxentina.

Finalmente, destacan os traballos dedicados a mostrar a música realizada por mulleres, como representa o estudo da Sección Feminina da Coruña ou as importantes actividades das pianistas viguesas.

The contents of this page were updated on 10.11.2018.