Skip to main content

O profesor Antonio Segura, reelixido decano da Facultade de Bioloxía

O profesor Antonio Segura, reelixido decano da Facultade de Bioloxía
O profesor Antonio Segura, reelixido decano da Facultade de Bioloxía

O profesor do Departamento de Bioloxía Funcional Antonio Segura Iglesias resultou reelixido decano da Facultade de Bioloxía nunha votación con 65 votos a favor e 7 en branco. Acompañarán ao profesor Segura no equipo decanal Eva Candal Suárez como secretaria e Teresa Taboada Rodríguez e Ysabel Santos Rodríguez como vicedecanas.

Na xunta de facultade celebrada o pasado venres, Antonio Segura destacou ante os seus compañeiros o traballo realizado no anterior mandato, nomeadamente a verificación de novos títulos adscritos á Facultade –o grao en Biotecnoloxía e o mestrado interuniversitario en Biodiversidade Terrestre– e o proceso de certificación do Sistema de Garantía de Calidade de Centro, acadado en 2017, e que contempla o deseño da oferta formativa, a avaliación e revisión do seu desenvolvemento, así como a toma de decisións para a mellora continua.

Nos vindeiros catro anos, afirmou, “seguiremos facendo una labor de xestión participativa e transparente para así acadar maior calidade na docencia e unha mellor formación dos nosos estudantes”. A nosa intención é “manter e afianzar os graos e mestrados impartidos na actualidade así como continuar o traballo de modificación da Memoria do Grao en Bioloxía adaptándoa ás novas demandas da sociedade”. Outras cuestións propostas no seu programa son a "intención de estudar novas posibilidades de oferta de titulacións tales como Grao en Investigación Biomédica e o dobre Grao Biotecnoloxía-Farmacia, así como apoiar a incorporación, estabilización e promoción do persoal dos distintos colectivos de PDI e PAS”.

O decano Antonio L. Segura Iglesias (Pontevedra, 1954) é profesor da área de Fisioloxía Vexetal e integrante do grupo de investigación VitisResearch, no que foi coordinador de varios proxectos financiados polo Ministerio e a Xunta de Galicia e tamén coa empresa. Como especialista en patoloxía vexetal é coautor de diversas publicacións relacionadas coa epidemioloxía, diagnóstico e transmisión de enfermidades de etioloxía vírica en viñedos, ademais de estudos sobre biotecnoloxía e a función xénica de vide. É decano dende 2014 e tamén colaborou nas labores de goberno coma secretario e vicedecano da Facultade no período 1995-2002.

The contents of this page were updated on 10.22.2018.