Skip to main content

A EPS de Enxeñaría proba co Life Silfore que o silvopastoreo reduce incendios e mellora a rendibilidade do monte

Gando vacún e cabalar nunha contorna agroforestal
Gando vacún e cabalar nunha contorna agroforestal
O grupo de investigación coordinado pola catedrática da USC Rosa Mosquera fará dous ensaios de prácticas silvopastorais que mesturan a produción forestal co uso gandeiro nos Ancares Lugueses ao abeiro do proxecto internacional liderado polo Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker) e dotado con 2,6 millóns de euros
Lugo

O grupo de investigación de Sistemas Silvopastorais da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC avanza a prol dunha maior resilencia ao cambio climático das masas forestais da área atlántica ao abeiro do proxecto Life Silfore, un programa internacional liderado polo Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker) que contempla intervencións nos Ancares Lugueses. O horizonte temporal deste programa europeo, que conta cun financiamento de preto de 2,6 millóns de euros, esténdese ata 2027.

O Life Silfore, no que tamén participan como socios o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario do Principado de Asturias, desenvolverá unha rede de demostradores en catro rexións de Portugal, Galicia, Asturias e Euskadi que abranguen un total de 92,4 hectáreas. A ampla superficie do territorio sobre a que prevé actuacións o Life Silfore inclúe unha gran parte da variedade ecolóxica dos bosques das zonas atlánticas-subatlánticas e socioeconómicas.

O grupo de Sistemas Silvopastorais da USC desenvolverá as accións proxectadas en Galicia, dúas demostracións que se concentran na serra dos Ancares de Lugo, onde o equipo que coordina Rosa Mosquera Losada se centrará en transformar masas forestais sen tratar, de baixa calidade madeireira e necesitadas de actuacións tanto para estabilizar as producións como para mellorar a súa calidade. Para acadar estes obxectivos, os investigadores da EPS de Enxeñaría implicados neste Life implementarán na área obxecto de ensaio sistemas agroforestais que permitirán ampliar o abano de usos do territorio e a diversificación de ingresos, ademais de reforzar a protección da súa diversidade e reducir o risco ou, no seu caso, a incidencia de posibles lumes forestais.

A segunda actuación proxectada nos Ancares no marco deste programa europeo consistirá na recuperación de plantacións queimadas de Castanea sativa e Pinus radiata, bosques nos que o equipo de Rosa Mosquera, que coordina o Life Silfore en Galicia, prevé acadar, a través da implementación de sistemas silvopastorais, unha produción dual de froito/madeira e madeira.

A catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na EPSE salienta o impacto sobre o territorio que provocará o Life Silfore. Daquela, Mosquera prevé que as actuacións programadas permitirán reducir o volume de biomasa combustible entre un 40 e un 60%. Estas estimacións implican tamén un menor risco de incendios forestais e a diminución da pegada de carbono nas explotacións gandeiras, engade a catedrática da USC, para quen o Life Silfore contribuirá a aumentar a diversidade de especies arbóreas con distintas tolerancias a secas, o que mellorará a súa estabilidade, ao tempo que reducirá a expansión de enfermidades que afectan as árbores e garantirá así a achega de servizos ecosistémicos e o desenvolvemento da economía rural e local.

Cambio climático, bosques e rendibilidade

O cambio climático está a provocar efectos prexudiciais importantes nos bosques europeos e os incendios forestais supoñen unha ameaza crecente que en 2021 afectou a 340.000 hectáreas da UE. Ante esta realidade, o Life Silfore xurde coa ambición de demostrar o aumento da resistencia dos bosques ante os efectos do cambio climático a través da implementación de prácticas silvopastorais que posibilitan aproveitamentos madeireiros e de produción animal.

O pastoreo,relata Mosquera, pode achegar beneficios á produción forestal coa fertilización dos solos, e a maior superficie destinada ao pastoreo pode aumentar o grao de autonomía forraxeira e a diversidade da dieta dos animais, o que reduce os gastos de alimentación. Ademais, engade a coordinada en Galicia do Life Silfore, os ensaios nos Ancares serán con animais de razas autóctonas en perigo de extinción, pero ben adaptadas ao medio, como o son as vacas de raza Loura galega e as cabras de raza galega.

O proxecto Life Silfore tamén terá un impacto positivo para o conxunto da sociedade, xa que os bosques ocupan aproximadamente o 30% da terra e actúan como depósitos de biodiversidade. Proporcionan unha ampla gama de servizos ecosistémicos, como a regularización do fluxo de auga ou a protección contra a erosión do solo.

A posta en marcha desta iniciativa permitirá asemade mellorar a rendibilidade económica, social e ambiental dos bosques á vez que se aumentarán as ganancias dos habitantes da contorna rural creando emprego, loitando contra o despoboamento das zonas rurais, diminuíndo o risco de incendios e abaratando os custos de mantemento, sostén a investigadora na EPS de Enxeñaría.

The contents of this page were updated on 11.29.2022.