Skip to main content

Un proxecto analiza o impacto do cambio climático nunha planta endémica do noroeste ibérico

As poboacións serpentiníticas de 'Santolina semidentata' presentan características fisiolóxicas similares ao endemismo galego 'Santolina melidensis'
As poboacións serpentiníticas de 'Santolina semidentata' presentan características fisiolóxicas similares ao endemismo galego 'Santolina melidensis'
‘Santolina semidentata’ é capaz de crecer en chans con características moi dispares grazas a unha gran adaptabilidade ecolóxica
Santiago de Compostela

A Santolina semidentata é unha especie de planta endémica do noroeste ibérico e protexida pola Directiva Hábitats da Unión Europea. Un proxecto no que participa persoal investigador da USC e da UVigo afondou en como o cambio climático pode estar afectando a viabilidade das súas poboacións. Como funciona a adaptación a distintos substratos desta especie, cal é a relación de parentesco que mantén con especies próximas e se está a padecer procesos de hibridación con algunha delas que compromete a singularidade xenética e a súa capacidade adaptativa aos cambios ambientais son algúns dos horizontes formulados no marco deste proxecto coordinado polos profesores do Departamento de Botánica da USC, Santiago Ortiz e Miguel Serrano, do grupo de investigación ACBiodiv.

No marco desta investigación, empregáronse ferramentas de modelización de nicho ecolóxico para identificar os rangos ambientais óptimos da especie e doutras próximas, así como o de posibles híbridos. “Identificáronse sobre a xeografía ibérica os lugares que poden albergar a especie nas condicións climáticas actuais e as futuras en escenarios de cambio climático, observándose como se modifican as distribucións neste caso, e como se solapan as de especies próximas aumentando o risco de hibridación”, explican dende o equipo investigador.

Mediante o uso de ferramentas moleculares, de secuenciación Sanger e Xenotipado por Secuencia (RAdseq), comprobouse que o problema de hibridación entre especies é menos relevante para S. semidentata na actualidade do que se suxeriu, “aínda que o seu rol pode ser importante nos escenarios futuros”, matizan. As ferramentas moleculares de alto rendemento  (Radseq) permitiron individualizar a Santolina melidensis como especie irmá pero diferente a Santolina semidentata, algo que non se verificou con ferramentas moleculares máis convencionais. “S. melidensis constitúe así un endemismo seriamente ameazado propio de chans ultrabásicos do centro de Galicia e é merecedora da máxima atención de conservación”, explican.

Santolina semidentata é capaz de crecer en chans con características moi dispares (graníticos, calcáreos ou serpentiníticos) grazas a unha gran adaptabilidade ecolóxica. Unha combinación de experimentos de xerminación e en invernadoiro demostrou que a supervivencia de S. semidentata en chans serpentiníticos (con características extremas como a presenza de metais pesados) foi posible grazas á evolución de mecanismos fisiolóxicos para evitar a captación de níquel, aumentar a captación de calcio e reducir a captación de magnesio. Así, as poboacións serpentiníticas de Santolina semidentata presentan características fisiolóxicas similares ao endemismo galego Santolina melidensis. O proxecto está financiado pola Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

The contents of this page were updated on 11.29.2022.