Skip to main content

O experto Luis Rández explica na USC a estreita relación das matemáticas e a arte

O experto Luis Rández explica na USC a estreita relación das matemáticas e a arte
O experto Luis Rández explica na USC a estreita relación das matemáticas e a arte

O director do Instituto Universitario de Matemáticas e Aplicacións da Facultade de Ciencias da Universidade de Zaragoza, Luis Rández, atópase esta semana na USC para falar da relación entre matemática e arte. Enmarcado no ciclo de conferencias divulgativas do International Congress on Industrial and Applied Mathematics, o relatorio está organizado pola Facultade de Matemáticas da USC xunto coa Sociedade Española de Matemática Aplicada e Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA).

Este experto universitario pronunciou esta mañá na Facultade compostelá a primeira das conferencias, á que ademais asistiron estudantes e docentes do IES Fernando Blanco de Cee (A Coruña) e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso (A Coruña), todos eles convidados desde AGAPEMA. Mañá volverá repetir o seu relatorio, ás 11.30 horas na Aula Magna, esta vez coa presenza da comunidade educativa do IES As Barxas de Moaña (Pontevedra), do Seminario menor de Santiago e so IES Ramón Caamaño de Muxía (A Coruña).

A conferencia O profesor Rández comezou o seu relatorio mostrando como se veñen utilizando certas curvas ao logo da historia, tanto na construción como na decoración de monumentos románicos e góticos. Fixo así unha breve descrición dos conceptos matemáticos básicos necesarios e ilustrou con fotografías e planos o seu uso en diversas obras de referencia en arquitectura e enxeñaría.

Na segunda parte da conferencia presentouse a curtametraxe de animación en 3D Ars Qubica, sobre a presenza da xeometría e as matemáticas na arte, empregando a figura dun cubo como fío condutor, que ao ser cortado por un plano pode dar lugar a un cadrado, un triángulo equilátero, un pentágono non regular ou un hexágono. A intención é comprobar como estas seccións aparecen en distintas obras artísticas e ornamentais.

The contents of this page were updated on 10.18.2018.