Skip to main content

O congreso internacional ‘O Ano do Patrimonio Cultural Europeo e o Camiño de Santiago’ reúne historiadores e xuristas na USC

A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións que dirixe o profesor Domingo González Lopo, o Grupo Compostela de Universidades e a Cátedra de Estudos Xurídicos Locais Màrius Viadel i Martín desenvolven esta semana na cidade o Congreso Internacional ‘O Ano do Patrimonio Cultural Europeo e o Camiño de Santiago.

O encontro inaugurouse este martes nun acto no que participaron o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce; o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela; a secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, María Teresa Carballeira Rivera; e o director da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, Domingo Luis González Lopo.

Co Ano do Patrimonio Cultural Europeo e o Camiño de Santiago como cuestión temática, o congreso contará coa participación de xuristas e historiadores estatais e internacionais que abordarán en relatorios e mesas redondas cuestións relacionadas co patrimonio cultural, o Camiño de Santiago e as súas implicacións xurídicas.

Logo da apertura, tivo lugar o relatorio inaugural ‘O patrimonio artístico do Camiño de Santiago e os seus valores’ a cargo da profesora de Historia da Arte da Universidade de burgos e gañadora do Premio Grupo Compostela de Universidades-Xunta de Galicia 2018, Pilar Alonso Abad. Seguiulle a intervención do profesor da USC Juan Monterroso sobre os riscos do Camiño e os itinerarios culturais.

Os días 23 e 24 de outubro a actividade académica ten lugar principalmente no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela e a entrada será libre ata completar aforo. Xa o 25 de outubro as actividades programadas en Padrón están destinadas aos beneficiarios das bolsas concedidas pola organización, que percorrerán un tramo do Camiño Portugués e presentarán as conclusións dos traballos desenvolvidos en grupo. Estes candidatos foron seleccionados entre as máis de 50 solicitudes recibidas dende países como Italia, Portugal, Brasil, Perú e España.

The contents of this page were updated on 10.23.2018.