Skip to main content

O ciclo ‘As mulleres dos mortos’ profunda no traballo de destacadas investigadoras internacionais en arqueoloxía e antropoloxía

Cartel do ciclo que se celebrará na Facultade de Bioloxía aberto a todo o público interesado
Cartel do ciclo que se celebrará na Facultade de Bioloxía aberto a todo o público interesado
Concíbese como un ciclo de conferencias de catro destacadas investigadoras que se celebrará na Facultade de Bioloxía a partir do 13 de marzo

Entre o 13 de marzo e o 3 de abril o Salón de Graos da Facultade de Bioloxía da USC acollerá catro relatorios cos que se quere divulgar as investigacións en esqueletos humanos que están a levar a cabo destacadas mulleres especialistas na materia. O ciclo leva por lema ‘As mulleres dos mortos’ e está organizado pola Rede Consiliencia, financiada pola Xunta de Galicia, que agrupa grupos de investigación das universidades de Santiago e A Coruña nos ámbitos da arqueoloxía, historia, ciencias sociais, antropoloxía física, ciencias da terra e tecnoloxías da información e das comunicación. O acceso ás conferencias é libre e de balde polo que están abertas a todo o público interesado.

"Son catro relatorios en total, todos eles agrupados baixo o criterio común de dar a coñecer o traballo de investigación en esqueletos humanos nun contexto arqueolóxico e forense que están a levar a cabo destacadas investigadoras internacionais", explica unha das súas impulsoras, Olalla López-Costas, a investigadora da USC e experta en estudos deste tipo en Galicia. López-Costas xunto coa profesora da USC María Loureiro, puxeron en marcha esta iniciativa cuxo obxectivo é “achegar á sociedade estes traballos arqueolóxico e forense impulsados todos eles por mulleres que están a liderar destacados avances nas súas respectivas materias".

O ciclo ten un marcado carácter divulgativo para así “promover o recoñecemento desta ciencia e das mulleres españolas investigadoras de prestixio internacional que a exercen”. O estudo de restos humanos, particularmente dos esqueletos, é un ámbito no que “só uns poucos son capaces de entender o que din. A maioría destes investigadores son mulleres que traballan para protexer e coñecer o noso patrimonio e axudar en complicados casos forenses”. Con este enfoque no ciclo de conferencias catro mulleres contarán a súa experiencia “facendo compresible para todos, as historias escondidas nos mortos”, explican as promotores da iniciativa.

Relatoras
Inmaculada Alemán, arqueóloga e antropóloga, directora do máster de Antropoloxía Física e Forense da Universidade de Granada, experta forense para a policía española e doutros países de Europa e América será a encargada de abrir as conferencias, co relatorio ‘Da antropoloxía forense ás momias exipcias’, que se celebrará o 13 de marzo e na que falará tamén do seu traballo en Exipto onde colaborou os últimos anos.

‘Escavando cemiterios, que nos contan os mortos’ é o título do relatorio que ofrecerá o 20 de marzo Inmaculada López Flores, especializada en bioarqueoloxía e unha das profesionais con experiencia máis dilatada no estudo de coleccións de esqueletos arqueolóxicas. O tema dos esqueletos infantís protagonizará o terceiro relatorio, a cargo de Carme Rissech, bióloga especialista no estudo de restos esqueléticos e no estudo da morfoloxía do esqueleto humano e as enfermidades no pasado. A quenda de Rissech será o 27 de marzo co título ‘Os esqueletos dos nenos tamén falan’.

Precisamente as enfermidades que se rebelan nos ósos centrarán a última das conferencias o 3 de abril, ‘Enfermos no pasado, dos ósos ao ADN’, impartida por Assumpció Malgosa i Morera, especialista no estudo de coleccións osteolóxicas de contextos arqueolóxicos, directora do grupo de investigación da Autónoma de Barcelona, con numerosas publicacións sobre variabilidade humana e que ultimamente colaborou na exhumación de fosas da Guerra Civil. Todas as relatoras teñen un nexo en común: son investigadoras de recoñecidísimo prestixio internacional que lideran empresas e grupos de investigación e que acumulan anos de experiencia en facer que os ósos falen.

The contents of this page were updated on 03.06.2019.