O Colexio de decanos e directores de centros da USC debate ideas para mellorar a funcionalidade das enquisas de satisfacción
Os decanos e directores de centros da Universidade de Santiago de Compostela celebraron este mércores unha xuntanza de traballo na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, onde, entre outras cuestións, abordaron os diferentes mecanismos suxeridos polo equipo de goberno da USC para incrementar o nivel de participación dos distintos axentes e ou sectores nas enquisas de satisfacción, a fin de optimizar así a súa funcionalidade.
A coordinadora do Colexio de decanos e directores de centros da USC, a actual decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso, salientou neste senso que o debate sobre as enquisas de satisfacción, ademais da resolución doutros asuntos de trámite, centrou boa parte desta xuntanza de traballo, na que tamén participou o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC.
Gumersindo Feijoo Costa sumouse precisamente á reunión do Colexio de decanos e directores de centros da USC para analizar e debater xunto con eles e elas as posibles medidas a implementar para favorecer unha maior participación nas enquisas, a fin de que estas ferramentas de diagnose do estado e do funcionamento de cada centro inclúan as opinións e o sentir do maior número posible de membros da comunidade universitaria.
A valorización das enquisas de satisfacción no ámbito universitario constitúe, na opinión de López Couso, unha medida pertinente para ter un diagnóstico máis preciso da realidade, a fin de detectar posibles problemas e, de ser preciso, adoptar as correspondentes medidas para a súa corrección.
As enquisas de satisfacción tamén supoñen un instrumento verdadeiramente útil para fornecer as relacións e o intercambio de coñecemento entre os distintos centros e axentes que conforman a comunidade universitaria, explicou López Couso. A coordinadora do Colexio de decanos e directores de centros da USC apuntou asemade a oportunidade que representan estas enquisas para pulsar o sentir dos egresados e egresadas universitarias, unha tarefa que cada vez resulta máis complexa, aínda que se trata dunha consulta relevante en aras á progresiva mellora da universidade.