Skip to main content

Troya, un proxecto de apoio e formación para o emprego

Participantes, docentes e promotores do Proxecto Troya, na Facultade de ADE
Participantes, docentes e promotores do Proxecto Troya, na Facultade de ADE
A Facultade de ADE e a Asociación Síndrome de Down Lugo clausuran un programa de aprendizaxe e servizo desenvolvido xunto coa Deputación e o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, a través do que persoas con discapacidade intelectual adquiriron competencias e habilidades empresariais aptas para a súa inclusión laboral
Lugo

O Proxecto Troya, un programa de aprendizaxe e servizo promovido desde a Facultade de Administración de Empresas do Campus de Lugo xunto coa Asociación Síndrome de Down Lugo e o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SPIU) da USC, co obxecto de impulsar a formación e adquisición de habilidades e competencias empresariais en persoas con discapacidade intelectual, pechou este martes as actividades formativas celebradas durante o último trimestre cunha sesión de clausura na que participaron o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a xerente da Asociación Síndrome de Down Lugo, Delfina Pérez, e o deputado provincial Pablo Rivera Capón.

O acto de peche deste proxecto social de formación e emprego con apoio, coordinado pola profesora Ángeles López Cabarcos e que recibiu financiamento da Deputación Provincial de Lugo, serviu para poñer de manifesto a necesidade de habilitar mecanismos encamiñados a transformar a realidade actual do mercado de traballo, a fin de que deixe de ser un espazo excluínte para as persoas con discapacidade, a fin de que este colectivo poida participar en todos os ámbitos da vida en igualdade de condicións.

As dez sesións nas que se estruturou este módulo de habilidades empresariais, subliñou López Cabarcos, permitiron traballar de xeito transversal obxectivos como a mellora da autoestima, a aprendizaxe de competencias no uso e manexo de novas tecnoloxías e mesmo a adquisición de habilidades sociais. Deste xeito, engadiu a profesora da USC na Facultade de ADE do Campus Terra, a asistencia a clase constituíu unha primeira parte do compromiso e do traballo a realizar polos usuarios da Asociación Síndrome de Down Lugo, que tamén permaneceron en contacto cos estudantes universitarios que actuaron como mentores, estableceron rutinas de estudo, aprenderon a relacionarse en novos ámbitos ou, entre outros logros, utilizaron o transporte urbano.

A clausura do Proxecto Troya permitiu a posta en común dos resultados obtidos logo das dez sesións de traballo celebradas. As persoas que completaron este período de aprendizaxe viron recompensado o seu esforzo co correspondente diploma acreditativo, ao tempo que tamén recibiron os parabéns dos docentes e das persoas implicadas na Oficina de Voluntariado do Campus de Lugo que actuaron como mentores, así como responsables empresariais participantes neste proxecto e que tamén colaboran co servizo de emprego con apoio, a través dun convenio coa Asociación Síndrome de Down Lugo.

Unha vez rematada a quenda de intervencións, na que, ademais das autoridades políticas e académicas, tamén fixeron uso da palabra a xerente da Asociación Síndrome de Down Lugo, Delfina Pérez, unha alumna e un dos mentores voluntarios, ademais de Jorge Bustos Atanasio, en representación da Asociación de Jóvenes Empresarios, a sesión de clausura do Proxecto Troya chegou ao seu colofón coa apertura da mostra ‘Emprego con Apoio. 20 anos loitando pola inclusión laboral das persoas coa Síndrome de Down e/ou Discapacidade Intelectual’, que permanece aberta ao público no vestíbulo da Facultade de Administración e Dirección de Empresas.

The contents of this page were updated on 12.13.2022.