Equipos directivos e de orientación de centros de ensino medio de Galicia coñecen a oferta de formación e de servizos da USC

Equipos directivos e de orientación de máis dun cento de centros de ensino medio de toda Galicia achegáronse este venres ao Salón Nobre do Colexio de Fonseca para manter unha reunión de traballo con responsables da USC acerca de cuestións de interese para o alumnado que cursa o derradeiro ano de ensino secundario.
O encontro, que marca inicio dunha nova edición do programa ‘A ponte entre o ensino medio e a USC’, presidiuno o reitor Antonio López, que agradeceu aos asistentes a boa acollida que ten a Universidade compostelá nos centros de secundaria. “Un eixe esencial da universidade é a docencia, e para iso precisamos estudantes que en etapas cruciais da súa xuventude dispoñan de toda a información acerca da institución que os vai acoller os vindeiros anos”, afirmou. “Por iso son necesarias estas xuntanzas e por iso vos agradecemos o voso traballo e a boa disposición coa que cada ano recibides a nosa convocatoria”, díxolles.
Na xuntanza, na que o alcalde Martiño Noriega dirixiu ao auditorio unhas palabras de benvida á cidade, participaron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; o delegado do reitor para asuntos de Ensino Medio, Celso Rodríguez, e o responsable do Programa A Ponte no Campus de Lugo, Francisco Javier González.
Como en anos anteriores, trataron temas como a organización de actos informativos, visitas aos centros, charlas temáticas, programas de bolsas e axudas ao alumnado, titulacións e probas de acceso á Universidade. Ademais, persoal da área de Cultura e Deportes explicou nunha charla todo o programa de actividades que organiza porque, como dixo o reitor, “unha Universidade non só ofrece estudos, senón tamén toda unha oferta complementaria de servizos e actividades que trata de mellorar as condicións de vida da comunidade universitaria”.
De esquerda a dereita, Celso Rodríguez, Martiño Noriega, Antonio López, Mar Lorenzo e Francisco javier González. Foto: Servimav